RESPONSABILIDADE

A denuncia do BNG perante a Fiscalía precipita a rescisión do contrato da Garrocha

A Garrocha
A Garrocha

Só despois da denuncia do BNG perante a Fiscalía, o Goberno Municipal acelerou os trámites para a aprobación da resolución do contrato de concesión da Garrocha nun pleno urxente.

O BNG leva dende 2011 tratando de conseguir a resolución da Concesión, perante os incumprimentos da empresa.

O informe da Tesourería Municipal permite coñecer o importe da débeda da concesionaria: 326.609€, moi superior ao aval depositado de 120.000€.

As funcionarias habilitadas nacionais afirman no seu informe que o expediente posto ao seu dispor estaba incompleto, ao tempo que manifestan a necesidade de depurar responsabilidades.

A recuperación do Complexo poderá axudar a cubrir a demanda existente de instalacións deportivas.

O Goberno Municipal debe contactar co actual cadro de persoal para estudar a súa situación.

A denuncia do BNG perante a Fiscalía precipita a rescisión do contrato da Garrocha

A denuncia presentada polo BNG perante a Fiscalía polas continuas dilacións no referente á Garrocha, tivo como resultado a aprobación da resolución do contrato de xestión nun pleno convocado con carácter urxente, que tivo lugar o pasado xoves.

O portavoz do BNG lamentou "ter que chegar a estes extremos para conseguir que o Goberno Municipal faga o que é a súa obriga, velando polos intereses do Concello e da súa veciñanza".

A documentación presentada polo Goberno Municipal permitiunos coñecer o importe total da débeda contraída pola empresa concesionaria, que ascende a 326.609€, moi superior ao aval depositado, 120.000€.

Tamén serviu para pór de manifesto outra vez o escurantismo do Goberno Municipal, pois no informe conxunto da Secretaria e da Intervención municipais se manifesta que a documentación do expediente ao que tiveron acceso as funcionarias estaba incompleto, faltando un informe do Xefe de Servizo de Medio Ambiente, Servizos e Obras, de marzo de 2016, sobre deficiencias na conservación das instalacións, e documentación sobre a cumprimento de distintos trámites procesais.

Para Tono Chouciño "é importante recuperar unhas instalacións que poden axudar a cubrir a demanda existente, mesmo ampliando a oferta, e constituírse nun referente a nivel comarcal. E non é menos importante saber por que se lle permitiron á concesionaria tantos incumprimentos, cando xa o BNG, estando no Goberno, impulsou un primeiro intento de resolución no 2011, e non foi até finais de 2018 que, a base de moito insistir, se conseguiu".

"É imprescindíbel que se depuren responsabilidades, tal e como propoñen as habilitadas nacionais, e que o Goberno Municipal se poña en contacto cos traballadores e traballadoras da instalación para ver o que vai pasar con eles agora que a concesión está rescindida".
 

A denuncia do BNG perante a Fiscalía precipita a rescisión do contrato da Garrocha