O BNG solicita a creación da Comisión Especial do PXOM

imaxe aérea AC14 AP9 aeroporto
Imaxe aérea de Culleredo

O BNG de Culleredo presentou unha moción reclamando a constitución inmediata da Comisión Especial de seguimento do novo proxecto de PXOM despois de que o goberno municipal leve máis de 7 meses prometendo a súa creación.

Este organismo, que xa fóra convocado na anterior lexislatura a petición do BNG, é o foro de información para todos os grupos políticos da corporación sobre os avances na redacción do proxecto.

O BNG solicita a creación da Comisión Especial do PXOM

O BNG de Culleredo vén de presentar unha moción solicitando a creación e constitución inmediata da Comisión Especial de seguimento do proxecto de PXOM. O texto será debatido e votado no vindeiro Pleno Municipal. O BNG ten reclamado a posta en marcha deste organismo desde que, para sorpresa dos nacionalistas, o goberno municipal non incluíse a Comisión Especial do PXOM entre as creadas no Pleno de Organización da nova corporación, tralas eleccións municipais do mes de Maio. O Señor Alcalde anunciou naquel momento, tras ter o BNG denunciado a súa supresión, a creación desta comisión especial pero, pasados xa máis de 7 meses, segue sen constituirse.

Esta comisión, que xa fóra convocada na pasada lexislatura a solicitude do BNG, é o organismo no que todas as forzas políticas da corporación poden facer un seguimento dos avances na redacción do novo proxecto de PXOM, coa asistencia do equipo redactor e técnicos na materia. As informacións publicadas en distintos medios de comunicación sobre as modificacións realizadas no novo plan urbanístico, sen partillar nen dar acceso á información a ningún dos grupos da oposición, falan do obscurantismo co que o goberno municipal liderado por Riobóo pretende tramitar o novo PXOM. Dos 12 anos de vixencia que plantexaba o texto inicial, levamos perdidos 8 no periodo de tramitación, con continuas promesas do goberno municipal desde hai anos para a súa aprobación provisional que nunca se levan a cabo.

Mentres tanto, a veciñanza de Culleredo segue agardando desde a súa exposición pública en 2013, a resposta ás súas alegacións ao texto. O Grupo Municipal do BNG demanda ao goberno municipal que trate o proxecto de PXOM coa prioridade que merece un texto que marcará o futuro de Culleredo durante varias décadas, e que debería xestionarse procurando acordos e unha aprobación por unanimidade. "Sacar adiante un documento de planificación desta transcendencia require de transparecencia, diálogo e consenso. O goberno do Señor Riobóo está demostrando que a promesa de transparencia coa que chegou á Alcaldía non era máis que un feixe de palabras baleiras", destaca Tono Chouciño, voceiro dos nacionalistas en Culleredo.

O BNG solicita a creación da Comisión Especial do PXOM