REXENERACIÓN

O BNG rexeita a Conta Xeral do 2017 presentada polo Goberno Municipal

A Conta Xeral de 2017 é unha burla á veciñanza de Culleredo, ao dar por boas importantes perdas económicas para o Concello.

Non inclúe, entre outras, as instalacións do CLT que non reverteron para o patrimonio público, como pedía a Secretaría Municipal no seu informe.

A depuración de responsabilidades pola perda patrimonial no CLT foi rexeitada polo PSOE co apoio dos partidos da "nova política", nunha mostra da nula rexeneración que aportan a Culleredo.

O BNG rexeita a Conta Xeral do 2017 presentada polo Goberno Municipal

O BNG amosou no último pleno o seu rexeitamento ás Conta Xeral do 2017 presentada polo Goberno Municipal, por consideralas unha burla á veciñanza do Culleredo, xa que supoñen dar por boas importantes perdas económicas para o Concello.

Tono Chouciño manifestou que esas contas recollen centos de miles de euros en pagos que contan cos reparos da Intervención e da Secretaría municipais, que lle lembran insistentemente ao Goberno Municipal que a contratación verbal está prohibida para as Administracións Públicas, sendo nula de pleno dereito.

Lembou tamén que nelas está incluído o segundo pago do millón e medio de euros pagado por 3000 metros cadrados de zona verde, obrigados por sentenza xudicial, ou os pagos á empresa encargada da limpeza viaria, sen contrato dende 2012.

En cambio non inclúen a taxa anual que debería pagar a empresa concesionaria do Complexo Deportivo Municipal da Garrocha. Tampouco inclúen a que debería pagar a concesionaria da subministración de auga potábel, se se tivera contratado como é obrigatorio por Lei e de acordo cos últimos pregos de contratación presentados hai catro anos, mentras o servizo segue a prestarse sen contrato.

Segundo o portavoz nacionalista estas contas deberían tamén recoller para o patrimonio público as instalacións do CLT, que non reverteron ao patrimonio municipal tal e como indicaba o informe da Secretaria municipal, ao non ser incluídas na súa liquidación".

Para Tono Chouciño "esta perda patrimonial, que prexudica a toda a veciñanza do noso Concello, debería ter derivado na depuración de responsabilidades, como nós solicitamos no Pleno, non prosperando polo apoio dos representantes da "nova política" ao goberno do PSOE, unha mostra da súa nula aportación á rexeneración que tanta falla fai en Culleredo".

O BNG rexeita a Conta Xeral do 2017 presentada polo Goberno Municipal