SEGURIDADE VIARIA

O BNG reclama a ampliación das beirarrúas na ponte do tren do Burgo

Os votos en contra do PSOE e a abstención da Marea, PP e Cs impiden a aprobación dunha moción que demandaba a ampliación das beirarrúas na ponte da rúa Alfonso VII.

En xuño de 2016 o Alcalde comprometérase a estudar esta petición, pero a día de hoxe nin sequera os outros membros do Goberno Municipal parecen saber nada do asunto, xa que é "unha cuestión que leva persoalmente o Alcalde".

O BNG reclama a ampliación das beirarrúas na ponte do tren do Burgo

O representante do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo, Tono Chouciño, volveu reclamar no pleno do pasado xoves a mellora da accesibilidade na ponte do ferrocarril no Burgo, na rúa Alfonso VII, que foi rexeitada polos votos do PSOE e a abstención da Marea, PP e Ciudadanos.

O voceiro nacionalista lembrou que esta demanda xa foi transmitida ao Goberno Municipal en varias ocasións, contestándonos o Sr. Alcalde en xuño de 2016 que estudarían a nosa proposta, sen que a día de hoxe saibamos aínda se se produxo algún avance nesta petición.

Preguntado nas comisións informativas o Tenente de Alcalde sobre esta cuestión, por estar ocupando o posto de Alcalde en funcións, a súa resposta foi que ese asunto o levaba o Alcalde en persoa.

Tono Chouciño fixo un chamamento á responsabilidade, á transparencia e á coordinación do Goberno Municipal, xa que esta ponte supón un nexo de unión entre dúas zonas densamente poboadas do Burgo, con importantes limitacións ao tránsito tanto de vehículos como de peóns, con beirarrúas estreitas e pendentes moi elevadas que supoñen un risco para o paso de persoas en cadeiras de rodas ou con carritos de bebés.

"Máis dun ano despois de comprometerse a estudar unha solución para garantir a seguridade dos peóns seguimos coa retahíla habitual de escusas, cando incluso se podía ter optado ás subvencións da Xunta para a eliminación de barreiras arquitectónicas. Pero este Goberno Municipal nunca ten presas, até que un día teñamos que lamentar unha desgraza".