CIRCOS

O BNG presenta unha moción para declarar Culleredo Vila Libre de Circos con Animais

O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo presentará unha moción para que o Concello non autorice, promova ou ampare a instalación de circos con animais no termo municipal logo da reunión na que participaron representantes da Asociación Animalista Libera, Alternativa dos Veciños e Ciudadanos.

O BNG presenta unha moción para declarar Culleredo Vila Libre de Circos con Animais

Despois de convocar nunha reunión a todos os grupos políticos, o BNG-Asembleas Abertas de Culleredo presentará unha moción para que o Concello non autorice, promova ou ampare a instalación de circos con animais no termo municipal.

Na reunión, á que asistiron representantes da Asociación Animalista Libera, o propio BNG e representantes de Alternativa dos Veciños e Ciudadanos, se intentou elaborar un texto de consenso despois de que en 2013 unha proposta no mesmo sentido, tamén promovida polo BNG, atopase o rexeitamento dos demais grupos políticos. Os representantes do Partido Popular escusaron a súa asistencia ante a imposibilidade de membros do seu grupo de asistir á reunión. Tampouco asistiron nin o PSOE nin Marea Veciñal de Culleredo.

Ante opinións sobre a cautela con que outros espectáculos usan animais sen considerar que supoña maltrato, o texto limita a restrición aos circos con animais. No que vai de ano consta a instalación en espazo público do concello de dous circos con espectáculos que empregan fauna silvestre. A vida destes animais caracterízase polo cativerio, o illamento e a explotación, sendo sometidos a violentos métodos de adestramento. Segundo o voceiro do BNG de Culleredo Tono Chouciño, “a sensibilidade social co trato ós animais non fixo máis que medrar, e debería haber un acordo entre os grupos políticos representados no Concello para conseguir a declaración de Culleredo libre deste tipo de espectáculos”.

Un importante número de países e vilas de todo o mundo xa vetaron o uso de animais nos circos, non só para fomentar a súa protección e benestar, se non tamén para erradicar o tráfico ilegal e a caza furtiva de especies protexidas. A pesares da incerteza de non contar cos apoios de forma previa, o BNG espera que prospere a proposta.