MOBILIDADE

O BNG presenta alegacións á ordenanza de terrazas

Terraza na zona do Burgo. Segundo a norma actual as terrazas non poden exceder a fachada do establecemento
Terraza na zona do Burgo. Segundo a norma actual as terrazas non poden exceder a fachada do establecemento

O novo texto incorre en incongruencias e falta de claridade en varios apartados, só sirve para botar unha cortina de fume sobre o nulo control do cumprimento da ordenanza actual.

Na súa elaboración prescindiuse da opinión dos Consellos de Participación Cidadá, que deberían ser os órganos onde se debatan este tipo de normas para que os veciños e veciñas fagan as súas achegas, resgatándoos da burocratización na que están sumidos polo Goberno Municipal.

O BNG presenta alegacións á ordenanza de terrazas

O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo rexistrou unha alegación á Ordenanza Municipal de Terrazas e Veladores, na súa fase de exposición pública trala aprobación inicial no Pleno. 

O BNG entende que a nova ordenanza, lonxe de solucionar os problemas existentes, só sirve para botar unha cortina de fume para tentar cubir a inoperancia, e mesmo complicidade do Goberno Municipal, no mal desenvolvemento e nulo control do cumprimento da ordenanza actual. 

Tono Chouciño manifestou ter constancia "de comunidades veciñais que tiveron que recorrer ao Valedor do Pobo pola falta de resposta do Goberno Municipal ás denuncias de incumprimentos da ordenanza actual, e iso non se soluciona coa ordenanza nova, soluciónase con vontade política de que as ordenanzas non queden en papel mollado, algo bastante habitual en Culleredo".

O voceiro nacionalista fixo fincapé na pouca claridade do texto, que incorre en incongruencias en varios apartados, expondo a necesidade de incluír un glosario que aclare os termos empregados e mesmo dun catálogo de rúas peonís e de tráfico compartido "se a ordenanza distingue varios tipos de rúas, debemos saber cales son para saber cales son os nosos dereitos en cada unha das categorías".

Para o BNG a elaboración desta ordenanza é un bo exemplo de asunto que debería ser tratado no marco dos Consellos de Participación Cidadá. Tono Chouciño lamentou a burocratización destes órganos, xa que ao seu entender "en vez de ser verdadeiros órganos de participación o Goberno Municipal parece querer afogalos limitando as súas posibilidades como foros de discusión onde os veciños e veciñas poidan realizar as súas achegas de xeito directo".