DEPÓSITOS ALMEIRAS

O BNG pide a revisión do expediente do depósito de EMALCSA en Almeiras

Trazado do Camiño Inglés en Culleredo
Trazado do Camiño Inglés en Culleredo

O BNG-Asembleas Abertas pediu a revisión do proxecto do depósito de auga que EMALCSA pretende construír en Almeiras, por dubidar se cumpre a legalidade vixente, xa que a parcela está na zona de protección do Camiño Inglés.

Tono Chouciño lembra que o Goberno Municipal segue sen cumprir coa obriga, aprobada por unanimidade no Pleno, de informar á veciñanza sobre o proxecto, e preguntase se terá algo que ver coa falta do permiso de Patrimonio.

O BNG pide a revisión do expediente do depósito de EMALCSA en Almeiras

O BNG-Asembleas Abertas pide a revisión do proxecto do depósito de auga que a Empresa Municipal de Augas da Coruña (EMALCSA) pretende construír en Almeiras, ao dubidar se cumpre a legalidade vixente e se conta coa autorización previa da Consellaría de Cultura.

A parcela onde se pretende construír está incluída na zona de protección do Camiño Inglés, delimitado polo Decreto 110/2014, o que obrigaría a contar coa autorización previa da Consellaría de Cultura da Xunta, da que non se puido verificar a súa existencia unha vez visto o expediente.

Por outra banda o Goberno Municipal segue a incumprir o seu compromiso coa veciñanza de Almeiras de celebrar unha xuntanza informativa sobre o proxecto, coa participación de técnicos municipais e de EMALCSA.

Esta xuntanza aínda non tivo lugar, a pesar de que o Pleno Municipal aprobou por unanimidade a iniciativa do BNG-Asemblas Abertas na que se materializaba a demanda veciñal de información e se establecía a súa celebración na primeira quincena de agosto.

Tono Chouciño, concelleiro do BNG, pregúntase se "terá algo que ver o incumprimento dos compromisos de información contraídos coa veciñanza, con esta última información sobre a licenza?" e lamenta esta nova mostra do proceder pouco transparente do Goberno Municipal.