BO GOBERNO

O BNG pide responsabilidade e compromiso ao Goberno de Culleredo

Fonteculler letras buxo
Letras de buxo en Fonteculler polas que se pagaron 15.000 €

O BNG de Culleredo demanda ao Goberno Municipal maior grao de responsabilidade, rigor e compromiso no seu traballo, sen agocharse detrás das restriccións que a Lei Montoro impón, que xa deberan coñecer.

A política do Goberno de Rioboo baséase en anuncios sen base técnica nen económica que os sustente, en tanto que hai proxectos aprobados e dotados orzamentariamente que levan anos agardando pola súa execución.

O BNG trasladou ao Goberno Municipal propostas para aumentar os ingresos, para ter recursos sen recurrir ao remanente, sen que se producise avance nengún.
 

O BNG pide responsabilidade e compromiso ao Goberno de Culleredo

O BNG de Culleredo pide ao Goberno Municipal un maior grao de responsabilidade, rigor e compromiso para traballar a prol dos veciños e veciñas, perante as constantes mostras de incapacidade para xestionar o Concello a tódolos niveis, dende o urbanismo, co novo PXOM paralizado e sen data de aprobación, até a xestión económica, como vimos esta semana co seu amago de aprobar o uso de 1,2 millóns do remanente.

Rioboo e o seu equipo de goberno son plenamente conscientes das restriccións que a Lei Montoro e o seu regulamento impoñen ás administracións locais. O BNG xa amosou nun pleno anterior o seu apoio a unha moción do PSOE pedindo o desbloqueo das restriccións para empregar o remanente, cousa que o goberno de Pedro Sánchez aínda non fixo. "Se cadra o alcalde non o sabe, porque hai tempo que non o vemos polas Comisións Informativas nen polas Xuntas de Voceiros, pero as persoas nas que delega deberían informalo", manifesta o representante do BNG en Culleredo, Tono Chouciño.

Así pois, a escea que o Goberno Municipal montou esta semana só se entende coa finalidade de desviar a atención da súa mala xestión e da inviabilidade dos proxectos nos que dicían ían investir o remanente. Anuncios a bombo e platillo aos que nos ten acostumbrados Rioboo, pero sen unha base técnica nen económica que os sustente, polo que agora é preciso desviar as culpas. En tanto que hai proxectos aprobados, e que contan con financiamento, que levan anos esperando a ser executados.

Tono Chouciño lembra que o BNG pasou ao Goberno Municipal propostas para mellorar os ingresos, para ter recursos sen recurrir ao remante, e non fixeron caso nengún. Algunha mesmo foi aprobada polo Pleno. "Non moveron un dedo para repercutir o IBI ás conduccións enerxéticas como están a facer outros Concellos. Non sabemos porque non se estuda a aplicación do IBI aos inmobles da Igrexa non adicados exclusivamente ao culto, posibilidade que veñen recoñecendo algunhas sentenzas recentes, ou porque non se repercute o ICIO a aquelas obras que se fixeron sen licenza cando deberían tela".

Para o voceiro nacionalista o paradigma do Goberno Municipal é a instalación dun adorno na nova rotonda de Fonteculler. "Con todas as necesidades que hai no noso Concello, non lles supuxo nengún problema gastarse 15000€ nun arbusto para adornar a nova rotonda, un tema meramente estético pero que quizais non era a maior necesidade dos veciños e veciñas de Fonteculler, que veñen demandando dende hai tempo a mellora dos espazos públicos da zona."

O BNG pide responsabilidade e compromiso ao Goberno de Culleredo