OBRAS PÚBLICAS

O BNG pide explicacións polas obras do Río Trabe

Río Trabe - obra muro contención
Muro de contención construído no Río Trabe

Despois da consulta do expediente, o Goberno Municipal non foi quen de negar que as obras que se realizan, cun coste de máis de 140.000€,  non se axusten ao proxecto aprobado, tan só responde cun "xa falaremos cando remate a obra"

O BNG pide explicacións polas obras do Río Trabe

O portavoz do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo, Tono Chouciño, preguntou no pasado pleno municipal pola situación das obras do Río Trabe, na zona de Carcabelos, a carón do CEIP Isaac Díaz Pardo e do campo de fútbol, por un importe superior aos 140.000€, feitas para corrixir unha obra anterior que xa resultou mal e da que non se reclamaron as garantías establecidas.

Na consulta do expediente tívose ocasión de comprobar como a obra non se axustaría ao proxecto aprobado, algo que o Goberno Municipal non foi quen de negar a preguntas do representante do BNG, pois aínda que pediron a súa modificación por "razóns de urxencia", esta petición non prosperou.

Atopariamonos pois perante unha contratación pública, polo procedemento negociado, realizada nunhas determinadas condicións, na que se introducirían modificicacións non autorizadas durante a súa realización, o que podería vulnerar tanto normativas de construción, como mediambientais como de contratación pública, e para o que a única resposta do Goberno Municipal é un lacónico "xa falaremos cando remate a obra".

O representante do BNG tamén se fixo eco das numerosas queixas recibidas de pais e nais do colexio Díaz Pardo, polos graves problemas de circulación que orixinan os camións e maquinaria das obras circulando nos horarios de entrada e saída do centro.

Para o portavoz nacionalista "os veciños e veciñas de Culleredo merecen unha explicación de como se está a desenvolver esta obra tantas veces demandada e cun importe de cartos para o erario municipal tan elevado. O BNG seguirá a reclamalas tanto do Goberno Municipal, que parece actuar cunha sensación de total impunidade, como das demais administracións implicadas".

O BNG pide explicacións polas obras do Río Trabe