CULLEREDO

O BNG pide a demisión do alcalde Julio Sacristán

20170406 pleno
20170406 pleno

Nun Pleno convocado en horario laboral para dificultar a asistencia de público, Tono Chouciño pediu o pasado xoves a renuncia do Alcalde, perante o incumprimento sistemático das súas propias promesas e a súa falta de respecto aos veciños e veciñas. Culleredo non pode continuar á deriva cun goberno a todas luces canso e falto de iniciativa.

O BNG pide a demisión do alcalde Julio Sacristán

No pleno do pasado xoves o Goberno Municipal tivo que admitir, aíndo afirmando que a rexeitaba, que a alegación presentada por un grupo de veciños e veciñas ao orzamento tiña razón, e que os Orzamentos tiñan que recoller a totalidade das débedas do Concello.

Este feito demostrouse mesmo porque agardaron a ter a autorización do Xulgado para o fraccionamento do pago, que se produciu o pasado 28 de marzo, para poder traer novamente os Orzamentos ao Pleno para a súa aprobación.

Logo do auto do Xulgado Mercantil, a partida denominada "Adquisición de terreos. Centro Escolar e terreos en Castro de Vilaboa” vai case integramente para pagar o primeiro prazo da sentenza, 850.000€ máis os xuros. E para o orzamento de 2018 temos tamén comprometidos outros 710.000€ máis os xuros.

Aínda así dende o PSOE municipal persisten nas súas descualificacións cara as persoas alegantes, o que para Tono Chouciño "é unha mostra da súa mala fé, unha vez xa demostrada a súa incompetencia, que foi a que provocou a demora de dous meses na tramitación dos Orzamentos. É curioso que o Alcalde dixera no Pleno que "só faltaba o parabén do xulgado", detalle irrelevante ao seu ver, pero que fixo termos que agardar dous meses porque os informes non poderían ser favorábeis".

O tempo e o esforzo que o Goberno municipal gasta en descualificar a eses veciños e veciñas que exercen un dereito que a lei lles recoñece, e que por riba se demostra que teñen razón, deberían empregalo en dar contestación ás preguntas que aínda quedan por respostar: como pode ser que dende 1999 non atoparan un terreo edificable para a permuta, ou que pasou co 10% de cesión para equipamentos de todas as promocións que se fixeron en Culleredo desde entonces.

Para o voceiro nacionalista, "a situación non ten por onde collerse; pagaremos 1.560.000€ por unha parcela que non vale dúas perras, que segundo o PXOM é zona verde e non foron quen de recualificala, nen sequera son quen de demostrar que fixera falla para o colexio Ría do Burgo".

Tono Chouciño reclamou ao Alcalde a asunción das súas responsabilidades políticas, "culpan ao BNG, aos funcionarios, aos veciños e veciñas, calquera que pase por diante lles vale, cando é o Goberno Municipal, co Alcalde á cabeza, o que incumpre por sistema as súas propias promesas, non se sabe se a propósito ou por mero descoñecemento, pero o que si sabemos é que Culleredo non pode continuar á deriva cun goberno a todas luces canso e falto de iniciativa".