AEROPORTO

O BNG pide a convocatoria da Comisión Especial Informativa do Aeroporto.

O representante do BNG no Concello de Culleredo, Tono Chouciño, dirixiuse esta semana ás distintas forzas políticas con presenza no Pleno e á concelleira non adscrita para convidalas a convocar a Comisión Especial Informativa do Aeroporto, que leva sen se reunir dende a súa constitución.

No escrito faise fincapé en que ao adiar o Goberno Municipal o Pleno e as Comisións informativas correspondentes a agosto para o mes de setembro, chégase case ao límite do prazo ampliado para presentar alegacións ao proxecto de modificación do Plan Director, sen información da súa evolución.

 

O BNG pide a convocatoria da Comisión Especial Informativa do Aeroporto.

O texto remitido é o seguinte:

 

Desde o BNG de Culleredo consideramos imprescindible unha convocatoria, canto antes, da Comisión Informativa Especial do Aeroporto.

 

·  Tod@s sabemos que a publicación do Proxecto de Revisión do Plan Director do Aeroporto, foi o 15 de xuño e daba 45 días de prazo.

·  Segundo nos informou o Sr. Alcalde na reunión de constitución da Comisión do 30 de xullo, foi solicitada e aceptada unha ampliación de prazo. Esta suposta ampliación non se publicou no BOE, tampouco se nos trasladou aos grupos políticos municipais, e membros da Comisión informativa, copia de documento algún coa aceptación de ampliación do prazo.

·  O Sr. Alcalde dixo na mesma xuntanza que se estaba a contratar unha empresa especializada para a elaboración das alegacións ao proxecto. A día de hoxe, nada hai no perfil do contratante ao respecto e ningún dato máis se nos trasladou aos grupos políticos municipais.

·  Tamén comentou que á reunión do mesmo día 30 de xullo á tarde, coa veciñanza, acudiría un técnico para asesorar e dar explicacións sobre o plan. Diante das preguntas que lle fixemos desde o BNG, o alcalde dixo que se trataba dun catedrático dunha universidade de Madrid, e que lle parecía que estaba xubilado. A sorpresa foi atopar na reunión da tarde a unha persoa que non debía chegar aos cincuenta anos, e máis sorpresa aínda, cando se lle pregunta pola pegada sonora e di que aínda non a mirou. Descoñecemos os méritos desa persoa para ser presentada polo Concello como válida para o traballo encomendado, e tamén se forma parte do equipo asesor.

 

@s integrantes da Comisión debemos coñecer todos estes datos e tamén en que estado está a preparación das alegacións, e que tramitacións e en que datas pensa seguir antes de presentalas á institución que presenta o proxecto de modificación do Plan Director do Aeroporto.

 

Desde o BNG presentamos hai uns días un escrito por rexistro solicitando parte do exposto antes, pero queremos invitar a todos os grupos a que se sumen a demandar unha información detallada dun proceso que ten uns prazos moi curtos e que se van esgotando.

 

É relevante ademais o feito de que a través dun correo electrónico do 20 de agosto se nos faga saber da supresión do pleno ordinario de agosto, así como das comisións informativas, que deberían ser este xoves 23 e o xoves 30 respectivamente, e que haberá comisións informativas e pleno extraordinario, o 6 e o 13 de setembro. Levando así case ao límite a suposta ampliación do prazo de alegacións ao plan director, sen información intermedia da evolución da tramitación aos membros da Comisión Especial, constituída ao efecto.

 

Por todo o anterior, achegamos este escrito aos voceiros dos grupos municipais e á Concelleira non adscrita para que se sumen á proposta do BNG de que abordemos canto antes, no lugar que lle corresponde, a Comisión Informativa Especial do Aeroporto, o coñecemento do estado da tramitación e das previsións de evolución desta.

 

Agardamos do Sr. Alcalde que sexa el quen, unha vez recibida esta comunicación do BNG, exerza as súas responsabilidades como se espera que se comporte o máximo representante municipal e convoque reunión da Comisión Especial Informativa do Aeroporto.

 
 

O BNG pide a convocatoria da Comisión Especial Informativa do Aeroporto.