O BNG leva ao Parlamento a defensa do Bacharelato na Universidade Laboral

Xose Luis Rivas "Mini" no Parlamento de Galiza

O vindeiro martes 21 de xaneiro, o Deputado nacionalista Xosé Luis Rivas "Mini" presentará na Comisión do Parlamento unha Proposición Non de Lei esixindo á Xunta de Galiza o cese na súa proposta de eliminar os estudos de Bacharelato na Universidade Laboral.

A iniciativa inclúe propostas para crear un novo centro de Educación Secundaria na área rural de Culleredo e dotar o IES Eduardo Blanco Amor e o IES Rego de Trabe das instalacións precisas e establecidas por Lei para dar cobertura ao alumnado actual e futuro.

O BNG leva ao Parlamento a defensa do Bacharelato na Universidade Laboral

O Bloque Nacionalista Galego levará a vindeira semana ao Parlamento de Galiza a defensa dos estudos de Bacharelato no IES Universidade Laboral e a mellora das instalacións dos centros de educación secundaria no Concello de Culleredo. O Deputado do BNG Xosé Luis Rivas "Mini" presentará o vindeiro martes na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galiza unha Proposición non de Lei solicitando á Xunta de Galiza "desistir da súa proposta de eliminación do Bacharelato na Universidade Laboral". O texto inclúe ademais propostas complementarias para que se dote á zona rural de Culleredo dun centro que imparta a Educación Secundaria Obrigatoria, e que se proceda a equipar os IES do noso municipio das instalacións establecidas polo Real Decreto 1004/1991, de requisitos mínimos nos centros de Educación non Universitaria.

A decisión tomada pola Xunta de Galicia, sen contar coa opinión do Consello Escolar Municipal, suporá o desmantelamento dunha liña educativa que vén de ser galardoada polo Ministerio de Educación co Premio Nacional ás Melloras Prácticas Docentes. A falta de planificación da Consellería de Educación no mapa escolar cullerdense, un municipio dos poucos que continúa a medrar en poboación, ten un efecto moi nocivo no desenvolvemento educativo dos nosos mozos e mozas e nos servizos cos que contan na actualidade. 

Os datos demográficos do Instituto Galego do Estatística e do propio proxecto de PXOM do Concello de Culleredo desminten que esteamos diante dun "pico" de poboación en idade escolar. Ao contrario, Culleredo ten previsto medrar en poboación nas próximas décadas e "precisamos equipar de inmediato aos nosos centros educativos públicos para ofertar a mellor calidade aos nosos mozos. Precisamos máis e mellores centros educativos, non pechar aqueles que funcionan." declarou Tono Chouciño, voceiro nacionalista no Concello de Culleredo.

O BNG leva ao Parlamento a defensa do Bacharelato na Universidade Laboral