O BNG leva ao Parlamento a conexión da AP9 e o Aeroporto

Luis Bará en Culleredo
Luis Bará en Culleredo

A iniciativa demanda a realización dun estudo das alternativas para a conexión entre a AP9, o aeroporto de Albedro e a terceira rolda.

O debate da Proposición non de lei, presentada polo deputado nacionalista Luís Bará, terá lugar mañá venres, a partir das 10.30 h.

O Pleno Municipal aprobou por unanimidade (incluíndo os votos de PP e PSOE) a demanda dun estudo de alternativas á Xunta e a Fomento, sen ter constancia a día de hoxe das xestións realizadas.

O BNG leva ao Parlamento a conexión da AP9 e o Aeroporto

 

Mañá venres debaterase a Proposición non de lei presentada polo BNG, a través do seu deputado Luís Bará, a petición dun estudo para a conexión entre a AP9, o aeroporto de Albedro e a terceira rolda (estrada AC14).

A iniciativa lembra que o Pleno do Concello de Culeredo aprobou por unanimidade no mes de xuño de 2018 (incluídos os votos de PP e PSOE) una iniciativa do BNG demandando á Xunta e ao Ministerio de Fomento a realización deste estudo, sen que a día de hoxe se teña coñecemento de que se realizara nengunha xestión para levar a cabo o devandito estudo de alternativas.

Lémbrase tamén a existencia dun proxecto da Xunta de Galiza para a conexión da AP9 e o aeroporto de Albedro mediante un vial de medio quilómetro, orzamentado en 2 millóns de euros, que contrasta co proxecto de Vial 18, que ten un custo previsto de 30 millóns.

Este proxecto, sometido polo Ministerio a información pública en xaneiro de este ano, inclúe a ampliación da AP9 a 4 carrís en cada sentido entre a área de servizo en Almeiras e o monte Alfeirán, e provocará afeccións sociais e medioambientais moito maiores.

Trátase da segunda vez que Fomento inicia a tramitación deste vial, despois de que en 2015 fixera o primeiro intento e o tivera que anular por mor das alegacións veciñais, sen que se fixese pública a resposta a esas alegacións.

O debate terá lugar a partir das 10.30 da mañá, na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos.