SERVIDUMES AP9

O BNG lamenta a actitude do Alcalde de Culleredo cos ruídos da AP9

Tras anos facendo oídos xordos ás demandas veciñais trasladadas polo BNG, o executivo municipal só reacciona cando a Xunta, na Avaliación Ambiental do novo PXOM, establece limitacións ao desenvolvimento construtivo de diversas áreas por superarse nelas os niveis de ruído establecidos.
 

O BNG lamenta a actitude do Alcalde de Culleredo cos ruídos da AP9

O representante do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo amosou a súa sorpresa ante o inusitado interese do Alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, polos ruídos derivados do intenso tráfico da autoestrada AP9, ao seu paso por Culleredo, despois de anos de deixadez e desinterese.

Tono Chouciño lembrou que el mesmo manifestou no Pleno de xullo de 2015 a necesidade da "incorporación dun conxunto de melloras ás que consideramos que está obrigada a concesionaria da autoestrada, pola repercusión da súa actividade no noso Concello, en particular a incorporación de medidas de insonorización, ao paso da AP-9 polos núcleos urbanos de Culleredo, habituais hoxe neste tipo de infraestruturas, e a mellora e ampliación dos pasos inferiores e superiores, que permanecen nas mesmas condicións que cando a se inaugurou a autoestrada, dotándoos de beirarrúas transitábeis", sen obter resposta do Goberno Municipal.

Lembrou tamén que o BNG demandou a introdución destas melloras ao Congreso dos Deputados, cando tiña representación nesa institución, mediante a introdución de emendas aos Orzamentos Xerais do Estado.

Para o voceiro nacionalista é paradigmático que o Goberno Municipal só reaccione despois que a Xunta, na Avaliación Ambiental do proxecto do PXOM, estableza limitacións ao desenvolvimento de diversas áreas por superarse nelas os niveis de ruído legalmente establecidos. "Esta actitude ratifícanos na impresión de que urbanísticamente o executivo municipal ve Culleredo como un gran solar urbanizable, e que moitos dos problemas cotiáns dos seus veciños e veciñas non lles molestan entanto non entorpezan o seu proxecto construtivo".