SEGURIDADE VIARIA

O BNG demanda solución ao tráfico na Laxe

retencións a laxe
Bus escolar tentando manobrar na Laxe

A estrada, estreita, rexistra un elevado tráfico de vehículos entre Vilaboa e A Zapateira, sendo preciso mellorar a seguridade en tanto non se execute a circunvalación prevista no novo PXOM.

O proxecto coincide co do Vial 18, actualmente paralizado. Se finalmente este se realiza, sería convinte a coordinación de ambos para evitar molestias e duplicidades nas obras e nas expropiacións, en beneficio da poboación local.

O BNG demanda solución ao tráfico na Laxe

O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo solicitou no Pleno do pasado xoves solución ao tráfico no núcleo da Laxe, na estrada que vai dende a N550 á Zapateira, polo gran volume de tráfico que soporta dende a apertura da terceira ronda.

Tono Chouciño lembrou a existencia dun proxecto para a realización dunha circunvalación, incluído no PXOM en trámite, "pero na Laxe existe un problema que non pode estar eternamente á espera da aprobación do Plan ou de que ocorra unha desgraza".

O BNG-Asembleas Abertas ten recibido numerosas queixas dos veciños e veciñas, que manifestan a súa preocupación polo contínuo paso de vehículos por unha estrada estreita, algúns a grande velocidade, que se agrava durante o curso cos autobuses escolares, que as veces provocan retencións pola súa necesidade de manobrar para poder pasar entre as vivendas.

Para Tono Chouciño "é urxente reforzar as medidas de seguridade na estrada e ao tempo avanzar na execución da circunvalación prevista no novo PXOM".

O voceiro nacionalista lembrou tamén que o proxecto de circunvalación coincide no seu trazado co proxecto do Vial 18, entre a autoestrada AP9 e a terceira ronda, que se encontra paralizado polas deficiencias do primeiro proxecto presentado e sen data para a súa realización, tal e como manifestou o Alcalde no Pleno.

"Existindo estes dous proxectos, debera buscarse o xeito de facelos coordinadamente, evitando molestias e duplicidades nas obras e nas expropiacións, xa que as infraestruturas deben beneficiar á comarca pero nunca en perxuízo da poboación local, que é a que sofre obras que ao final non repercuten na vertebración de Culleredo".

O BNG demanda solución ao tráfico na Laxe