ACEA DE AMA

O BNG demanda a salvagarda do recinto deportivo de Acea de Ama

O Plan Especial da Laboral sinala os usos que debe ter cada espazo e o grao de protección aplicábel.
O Plan Especial da Laboral sinala os usos que debe ter cada espazo e o grao de protección aplicábel.

Concello e Xunta deben vixiar o cumprimento do Plan Especial aprobado en 2012 e salvagardar o recinto fronte aos continuos recortes e a deterioración que está a padecer.

Suprimíronse pistas deportivas para crear aparcadoiros, fíxose un recheo nun humidal protexido, e hai un mantemento das instalacións moi deficiente.

O BNG demanda a salvagarda do recinto deportivo de Acea de Ama

O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo pide o cumprimento do Plan Especial aprobado no ano 2012 para o recinto, onde se establecen os usos permitidos para cada parcela e o grao de protección ambiental aplicábel, para salvagardalo dos continuos recortes e da deterioración que está a padecer nos últimos anos.

Este sería o caso da eliminación de dúas pistas deportivas e a súa conversión en áreas de aparcamento, para o que se debería previamente ter modificado o Plan Especial. Tamén houbo un recheo no humidal situado ao sueste do ámbito, catalogado como elemento merecedor de especial protección, e no que se prohíbe expresamente "calquera acción que poña en perigo a súa existencia".

Tono Chouciño, portavoz do BNG, chama a atención sobre a eliminación das pistas deportivas exteriores, "e a falta de mantemento das aínda existentes, parece que só lles preocupan, e pouco, as instalacións de pago".

O representante nacionalista reitera o seu convencimento de que "cómpre recuperar e pór en valor este recinto como un gran espazo para o lecer e a práctica deportiva ao aire libre dos nosos veciños e veciñas. A Xunta e o Concello teñen a obriga de vixiar o bo estado do recinto e compensar tanto as árbores taladas como as instalacións deportivas eliminadas". 

En Culleredo temos, por desgraza, o precedente do Portádego, onde xa se eliminou un campo de fútbol para facer aparcamentos e xa daquela se prometeu dende o Goberno Municipal compensar a súa perda, pero os veciños e veciñas seguen esperando.

Tono Chouciño lembrou a importancia da loita contra o sedentarismo e a importancia da promoción do deporte para o coidado da boa saúde das persoas, "de pouco valen todas as campañas informativas que se poidan facer dende os departamentos de Sanidade e Educación se despois nos permitimos o luxo de prescindir das instalacións deportivas ao aire libre para facer aparcadoiros".