PXOM

O BNG demanda a revisión do PXOM

Sector na A Zapateira segundo a versión do 2013
Sector na A Zapateira segundo a versión do 2013

As previsións de crecemento utilizadas na redacción do PXOM son totalmente desproporcionadas. Cifra en os 40.000 habitantes de Culleredo para 2025, cando na actualidade non chegamos aos 30.000.

O BNG demanda a revisión do PXOM

O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo solicita a revisión das cifras de crecemento da poboación municipal, por estimar que as que figuran nos documentos do novo PXOM son totalmente desproporcionadas.

O documento aprobado inicialmente no 2013 xa se baseaba nunhas previsións de crecemento optimistas, e as posteriores modificacións aínda agravaron a magnitude do problema. Así, fronte a previsión de que Culleredo chegara aos 35.000 habitantes a finais desta década e aos 40.000 en 2025, agora mesmo aínda non chegamos aos 30.000.

Para Tono Chouciño, voceiro nacionalista, "nun concello onde as estatísticas din que hai máis de 3000 vivendas baleiras, as previsións sobre as que se basea o PXOM parecen totalmente desacertadas".

O representante do BNG-Asembleas Abertas entende que os novos crecementos deberían partir dos núcleos xa existentes, "a prioridade debería ser completar a trama urbana e completar a dotación de servizos públicos necesarios en todos os núcleos. As recalificacións de grandes extensións de terreos, onde até agora só hai monte, parece atender máis a intereses de grandes promotoras que aos da poboación en xeral".