MOBILIDADE

O BNG demanda os informes das alternativas para a conexión da AP9, aeroporto e terceira rolda

imaxe aérea AC14 AP9 aeroporto

O Pleno Municipal aprobou en xuño por unanimidade solicitar á Xunta e a Fomento un estudo rigoroso das alternativas para conectar a AP9 co aeroporto e a terceira rolda (AC14)

Con posterioridade o Goberno Municipal anunciou un estudo dos técnicos municipais para conectar a AP9 coa AC213 en Almeiras.

Esta semana sóubose que o Goberno do Estado está a traballar nun novo proxecto para o vial 18, que pode elevar o seu custo até os 30 millóns de euros.

Descoñecemos as xestións que o Goberno Municipal levou a cabo nestes máis de 3 meses e o ditame dos técnicos municipais.

Ademais do custo económico, o vial 18 tería un elevado prezo social e medioambiental para o noso Concello, polo que a veciñanza ten dereito a saber porque se escolle esa opción fronte a outras que serían máis económicas e que poderían ser máis beneficionas para Culleredo.

O BNG demanda os informes das alternativas para a conexión da AP9, aeroporto e terceira rolda

O Pleno Municipal celebrado o pasado 28 de xuño en Culleredo aprobou por unanimidade a demanda do BNG de solicitar á Xunta e a Fomento un estudo rigoroso das alternativas para a conexión a autoestrada AP9 co aeroporto de Albedro e a terceira rolda (AC14).

A moción aprobada incluía a publicación do informe xunto coas oportunidades e ameazas que suporía cada unha das opcións, de xeito que os veciños e veciñas de Culleredo poidan coñecer os motivos que fundamentan a escolla que se efectúe no seu debido momento.

Con posterioridade, o Goberno Municipal anunciou que os técnicos municipais estudaban un acceso para a AP9 a través da AC213 en Almeiras, estudo do que tampouco se volveu saber nada. Esta conexión poderíase considerar unha versión recortada da que xa figuraba no Plan Move 2010-2015 da Xunta, cun custo de 2,5 millóns de euros, e que incluía ademais a conexión coa N550.

Despois de máis de 3 meses sen coñecer nengún avance, nen do estudo demandado unánimemente polo Pleno para a conexión da AP9 coa AC14, nen do estudo dos técnicos municipais para o enlace da AC213, esta semana soubemos que o Goberno do Estado está a deseñar un novo proxecto para o vial 18, que serviría de conexión entre a AP9 e a terceira rolda, e que previsiblemente disparará o seu custo económico.

Por esta razón o voceiro municipal do Bloque, Tono Chouciño, preguntará ao Goberno Municipal polas xestións que realizou para demandar da Xunta e do Fomento o informe solicitado, segundo o acordado de xeito unánime polo Pleno, e polo informe dos técnicos municipais "hai máis de tres meses e non volvimos saber nada, e estamos a falar de un proxecto como o do vial 18 que pode chegar aos 30 millóns de euros, un elevado custo económico e un importante impacto social e medioambiental no noso Concello".

Para o representante nacionalista "habendo alternativas dez veces máis económicas, que servirían para conectar a AP9 co aeroporto e a terceira rolda e que tamén poderían axudar a mellorar o tráfico no Burgo, desconxestionando o tráfico na franxa urbana de Culleredo, é imprescindíbel que a veciñanza coñeza a que intereses obedece a insistencia nunha opción máis cara e con máis afeccións e que seguiría sen solventar o acceso á AP9 dende Culleredo".
 

O BNG demanda os informes das alternativas para a conexión da AP9, aeroporto e terceira rolda