O BNG de Culleredo propón manter o Bacharelato na Universidade Laboral e que se imparta ESO no rural

Manifestación Universidade Laboral
Manifestación Universidade Laboral

A Xunta de Galiza, a través da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Educación, vén de trasladar a súa intención de eliminar o Bacharelato do IES Universidade Laboral para o vindeiro curso. 

O BNG propoñerá á corporación municipal a esixencia á Xunta de Galiza do cese na proposta de eliminación de Bacharelato na Universidade Laboral e que se proceda a equipar os IES das instalacións mínimas establecidas por Lei.

Os nacionalistas de Culleredo acordaron tamén, xunto co grupo socialista, a presentación dun texto conxunto, consensuado coa plataforma Somos Rural, demandando á Xunta un centro de Educación Secundaria na área rural do concello.

O BNG de Culleredo propón manter o Bacharelato na Universidade Laboral e que se imparta ESO no rural

O BNG de Culleredo vén de rexistrar unha moción a debater no vindeiro Pleno Municipal, convocado para o Xoves 26 de decembro ás 13:30 horas, na que propón demandar que a Xunta de Galicia dea marcha atrás na súa intención de eliminar os estudos de Bacharelato do IES Universidade Laboral, sumándose ao rexeitamento da proposta por parte da comunidade educativa. Esta eliminación suporía a finalización da excelente traxectoria da sección dun centro polo que pasaron milleiros de estudantes e que conta cunhas instalacións únicas na comarca, sendo un dos poucos centros que cumpre as esixencias do art. 26 do Real Decreto 1004/1991, de requisitos mínimos nos centros de Educación non Universitaria. Cómpre lembrar que o IES Universidade Laboral acadou neste ano o Premio Nacional de Boas Prácticas Docentes do Ministerio de Educación.

A decisión tomada pola Xunta de Galicia, sen contar coa opinión da comunidade educativa, alumnado, familias nin profesorado, suporá o desmantelamento das instalacións actualmente dedicadas a ciclos formativos da área marítimo-pesqueira, con servizos tan importantes como a reprodución da sala de máquinas. Asemade, os alumnos de Bacharelato quedarían sen espazo para servizos construídos con moito traballo ao longo dos anos como os clubes de ciencias, lecturas, cine, voluntariado... A falta de planificación da Consellería de Educación no mapa escolar cullerdense, un municipio dos poucos que continúa a medrar en poboación, ten un efecto moi nocivo no desenvolvemento educativo dos nosos mozos e mozas e nos servizos cos que contan na actualidade.

O BNG de Culleredo consensuou ademais co grupo socialista presentar unha moción aberta á incorporación do resto de grupos municipais representados na corporación, que procura que se imparta Ensino Secundario Obrigatorio na zona rural de Culleredo, ben nun centro novo, ben nun Centro Público Integrado a partir do existente. Nesa proposta, trasládase á Xunta de Galicia a vontade do Concello de Culleredo para poñer á súa disposición os terreos necesarios para a construción dun centro de Educación Secundaria na área rural do municipio, se for a opción escollida. A proposta foi traballada e consensuada coa plataforma veciñal que leva reivindicando e traballando varios meses para acadar o obxectivo de que a poboación das parroquias rurais de Culleredo conte coas mesmas oportunidades no acceso á educación obrigatoria, rematando co agravio comparativo que sofre polo afastamento dos centros de Educación Secundaria.