ORZAMENTOS

O BNG de Culleredo pide separar a negociación do POS+2017 e do Orzamento

pleno debate moción apoio mariscadores

Tono Chouciño urxe a aprobar o POS+2017 por separado e con independencia da aprobación dos orzamentos para 2017, que o Goberno Municipal parece querer vincular para presionar e chantaxear aos restantes Grupos Municipais, ofrecendo no plan provincial uns caramelos que fagan máis dixeríbeis uns orzamentos intragábeis.

O BNG de Culleredo pide separar a negociación do POS+2017 e do Orzamento

O representante do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo, urxiu ao Goberno Municipal a aprobar o Plan de Obras e Servizos da Deputación, o POS+ 2017, canto antes, e con independencia da aprobación dos orzamentos muncipais para 2017. Este Plan ten uns prazos que están próximos ao vencemento, mentras que o orzamento xa vai con retraso acumulado.

A razón desta petición é a intención do Goberno Municipal parece ser vincular ambos expedientes para chantaxear e presionar aos restantes Grupos Municipais, ofrecendo caramelos que fagan máis dixeríbeis uns orzamentos intragábeis.

As axudas da Deputación, supoñen a principal fonte de ingresos coas que financiar as obras municipais, moitas delas elaboradas este ano a partir das demandas veciñais, polo que o BNG fai unhas propostas para poder apoiar a súa aprobación, como a reducción da partida solicitada de gasto corrente para incluír todas as obras demandadas polas asociacións no proceso de orzamento participativo para que queden blindadas.

Non ten o BNG a mesma vontade para o orzamento municipal, debido a múltiples cuestións que precisan de aclaracións públicas, como a provisión de pago dun millón e medio de euros unha empresa inmobiliaria que gañou un litixio xudicial polos terreos do colexio Ría do Burgo, e que responsabilidades se van asumir desde o goberno municipal por esta perda patrimonial; ou que se fará cos futuros pagos dos servizos que non teñen contrato como o caso da limpeza viaria, 450.000€ anuais, vencido hai catro anos; ou os baños químicos do paseo marítimo; por citar só algún.

Igualmente cuestións como a perda de ingresos que supón que a xestión da auga potable non teña contrato vixente e por tanto non pague canon, que foi cifrado en 25.000€ anuais no informe económico financeiro polos técnicos municipais. Un negocio de 1.250.000€/ano en máns dunha empresa sen contrato desde hai dous anos e medio.

O BNG leva traballando todo o ano para que o orzamento 2017 se tramitara de forma participativa, como recollen os regulamentos municipais, despois de que o ano pasado se burlara esa posibilidade desde o goberno municipal. Por iso ten este empeño en que as propostas veciñais, financiadas cos cartos da Deputación, vaian adiante sen novas evasivas nin chantaxes.

Unha vez aprobado o POS, o BNG continuará traballando para que o orzamento non sexa un saco do que o goberno municipal administre ao seu antollo.

O BNG de Culleredo pide separar a negociación do POS+2017 e do Orzamento