DEREITO Á INFORMACIÓN

O BNG de Culleredo solicita amparo á Valedora do Pobo

Tono Chouciño

O BNG de Culleredo presentou unha petición de amparo ante a Valedora pola falta de respecto do Goberno Municipal ao dereito de participación e información dos asuntos públicos da oposición.

A petición ven motivada pola falta de resposta a múltiples preguntas e peticións de información, a demora na concesión de acceso aos expedientes solicitados, e a supresión a última hora do Pleno Ordinario, das Comisións informativas e da Xunta de Voceiros do mes de decembro.
 

O BNG de Culleredo solicita amparo á Valedora do Pobo

Tono Chouciño, concelleiro do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo, presentou unha petición de amparo perante a Valedora do Pobo pola actitude do Goberno Municipal respecto ao dereito de participación nos asuntos públicos dos concelleiros da oposición.

A petición ven motivada polas múltiples ocasións nas que as preguntas e peticións de información realizadas quedan sen resposta algunha, e as demoras reiteradas na concesión de acceso aos expedientes solicitados. Entre estes expedientes aos que aínda non se nos concedeu o acceso, malia solicitalo en varias ocasións, están os convenios urbanísticos asinados polo Concello, de moita importancia pois poden condicionar o PXOM actualmente en tramitación.

Outro dos motivos polo que se decidiu acudir á Valedora do Pobo foi a supresión do pleno ordinario, das comisións informativas e da xunta de voceiros que se deberían ter celebrado no pasado mes de decembro, tal e como establece o Regulamento Orgánico Municipal. Esta supresión foi comunicada mediante un correo electrónico da Alcaldía o 19 de decembro, dou días antes do que correspondería a celebración das comisións informativas.

Ao tempo que se suprimía o Pleno ordinario, convocouse un Pleno Extraordinario Urxente para  aprobar os proxectos para o Plan Único da Deputación POS+2018, dando menos de 24 horas para avaliar un expediente con obras con importe superior ao millón e medio de euros.

Os concelleiros e concelleiras da oposición non temos dedicación exclusiva e é moi difícil buscarmos tempo para acudir á Casa do Concello e consultar unha documentación tan extensa e complexa, máxime se dende o Goberno Municipal se apuran os prazos ao máximo e non se facilita o acceso á información, algo fundamental para desempeñar debidamente a labor de control que nos corresponde”, explica Tono Chouciño.

O representante nacionalista pide á Valedora que inste ao Alcalde a corrixir a vulneración dos dereitos fundamentais dos restantes membros da Corporación, e que se lle facilite, ademais da copia dos convenios urbanísticos que ten establecidos o Concello, unha copia en formato dixital do  PXOM,  tanto da documentación remitida á Dirección Xeral de Medio Ambiente como da que se presentará a ditame e aprobación do Pleno.

O BNG de Culleredo solicita amparo á Valedora do Pobo