MEDIO AMBIENTE

Aportacións do BNG ao plan de infraestruturas verdes

A restitución da desembocadura do río Mero ao seu estado natural permitiría permitiría o filtrado de grande parte dos lodos que na actualidade rematan na Ría do Burgo, e que se incrementan a un ritmo de 1 centímetro anual.

O voceiro nacionalista chama a deseñar unha estratexia que realmente axude a restituír e impulsar un medio ambiente de calidade que poder deixarmos ás vindeiras xeracións.

Aportacións do BNG ao plan de infraestruturas verdes

O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo trasladou ao Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betantos, no taller de infraestruturas verdes que tivo lugar o pasado 1 de marzo, as numerosas necesidades do noso Concello nesa materia.

A primeira delas foi a necesidade de devolver a zona da península da Bunge ao seu estado natural, ampliando a protección até A Telva. Isto permitiría protexer un entorno natural fortemente degradado e sometido a unha grande presión, e recuperar o tramo final do río como decantador natural dos lodos arrastrados pola corrente. Evitaríase así que vaian parar ao fondo da Ría do Burgo, que segundo estudos do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, supoñen un incremento dun centímetro de lodos anual.

Tamén fixemos fincapé na necesidade da recuperación ambiental do Monte Costa e da canteira de Sésamo, dun proxecto de reforestación do parque de Acea de Ama, a loita para a eliminación de especies invasoras, con especial mención á vespa velutina, así como o control de plantacións forestais de acordo coa lexislación actual.

Tono Chouciño lembrou que na actualidade estamos pendentes de proxectos de gran envergadura que ameazan con degradar, aínda máis, o entorno natural de Culleredo, como son o trazado dunha liña de alta tensión sobre os montes Xalo e da Zapateira, e o Vial 18 tamén na Zapateira, ambos con alternativas máis económicas e menos agresivas. Tamén prantexou a necesidade de incorporar ao PXOM en trámite as anotacións medioambientais da revisión da Xunta.

Para o voceiro nacionalista "as administracións deberian tomar boa nota das aportacións que alí fixeron as asociacións e persoas a título individual que participaron, para deseñar unha estratexia que realmente axude a restituír e impulsar un medio ambiente de calidade que poder deixarmos ás vindeiras xeracións".