AEROPORTO

Alegacións do BNG de Culleredo ao Plan Director do aeroporto

2018 novo plan director máxima expansión do aeroporto
2018 novo plan director máxima expansión

Estas alegacións son complementarias ás presentadas dende o Concello de Culleredo, que o BNG subscribe.

Solicítase unha franxa mínima de 8 horas sen actividade para garantir o dereito ao descando da poboación circundante, a revisión da adecuación do aeroporto á normativa vixente, e ter en conta as alternativas de transporte para o cálculo da demanda futura.

Alegacións do BNG de Culleredo ao Plan Director do aeroporto

O BNG de Culleredo presentou por rexistro, o pasado 18 de setembro, un escrito con alegacións á proposta de novo Plan Director do aeroporto de Albedro. Estas alegacións son complementarias ás presentadas polo Concello de Culleredo, que o BNG de Culleredo subscribe na súa integridade, pero considera que quedaron incompletas.

No documento presentado polo BNG sinálase que o aeroporto de Albedro é dos de maior amplitude horaria entre as cidades do seu tamaño. Para garantir o dereito ao descanso da poboación que vive nos arredores da instalación, demándase a necesidade de establecer unha franxa mínima de 8 horas sen actividade.

Demándase que se revise a adecuación do aeroporto á normativa vixente, garantindo a seguridade tanto do persoal como da pasaxe e da veciñanza. O documento presentado polo Ministerio considera inviábela adecuación á normativa en varias zonas do aeroporto, sen ofrecer alternativas e incluso remitíndose a avaliacións posteriores.

Neste aspecto, Tono Chouciño sinala que "partimos da premisa, pensamos que compartida por moita xente, de que todo aeroporto ten que cumprir as normas de seguridade vixentes, e non caben interpretacións intermedias. Ou se cumpren ou non se cumpren."

Tamén se bota en falta, para o cálculo da demanda futura, un estudo de alternativas tendo en conta outros medios de transporte, e a necesaria coordinación cos restantes aeroportos galegos.

Para o portavoz nacionalista "é hora de avanzar na constitución do Sistema Aeroportuario Galego, facilitando a accesibilidade das tres terminais a través de vías de alta capacidade como a AP9 e os camiños de ferro. Para Albedro, e para as persoas que vivimos na Área Metropolitana da Coruña, iso traería moitos máis beneficios que calquera ampliación das actuais instalacións aeroportuarias.

 

Alegacións do BNG de Culleredo ao Plan Director do aeroporto