ORZAMENTOS

Achegamos á veciñanza a oportunidade para presentar alegacións aos orzamentos

Alegacións ao Orzamento 2020
Alegacións ao Orzamento 2020

Desde a aprobación inicial do orzamento para o exercicio en curso, o BNG de Culleredo ten celebrado varias reunións informativas en diversas parroquias do concello.

Realiza así unha labor de información do orzamento e de acceso á participación veciñal que debería realizar o goberno local, quen incluso negouse a publicar os orzamentos na web municipal.

As novas restricións de mobilidade e reunión provocadas pola COVID19 frearon as reunións informativas do BNG, mais quedan a disposición da veciñanza para axudala a presentar alegacións ao orzamento.

Achegamos á veciñanza a oportunidade para presentar alegacións aos orzamentos

O BNG de Culleredo vén celebrando nas últimas semanas reunións informativas por todo o territorio do concello para achegar o orzamento 2020 á veciñanza e informar sobre as posibilidades de participación veciñal na súa confección, a través da presentación de alegacións. O orzamento para o ano 2020 aprobouse inicialmente o pasado 22 de xullo, con 7 meses de retraso, e trala súa publicación no BOP, queda aberto o prazo de presentación de alegacións até o vindeiro día 13. E por iso que o BNG tense achegado ás asociacións, veciñas e veciños de Culleredo que teñen amosado o seu interese polo desenvolvemento de diferentes proxectos e melloras nas súas parroquias, para informalas da posibilidade neste momento de presentar alegacións que permitan incluir as súas reivindicacións nos orzamentos.

Os nacionalistas reclamaron ao goberno local no pasado pleno do mes de xullo un exercicio de transparencia coa publicación do orzamento na web municipal, para que a veciñanza poida ter acceso e información sen ter que achegarse á Casa do Concello, evitando desprazamentos e visitas innecesarias nos tempos que vivimos e evitando aumentar a saturación dos servizos públicos. O alcalde negouse a facelo. O BNG de Culleredo ve imprescindíbel realizar unha labor que permita achegar á veciñanza este documento, fundamental para o desenvolvemento de Culleredo.

Tras un par de semanas cheas de reunións coa veciñanza, nas que desde o BNG prestouse axuda na redacción de alegacións e no acceso ao documento dos orzamentos, as novas restricións provocadas pola COVID19 teñen obrigado á cancelación dos restantes actos programados até o día 12. Malia todo, o BNG de Culleredo queda ao servizo das veciñas e veciños que precisen de calquera axuda para presentar unha alegación ao orzamento. A través do enderezo electrónico culleredo@bng.gal poderase solicitar colaboración para analizar o orzamento ou modelos para a presentación de alegacións individuais ou colectivas. Desde o BNG estaremos encantados de axudar e achegarnos a calquera veciño que así o precise.

Achegamos á veciñanza a oportunidade para presentar alegacións aos orzamentos