ACEA DE AMA

O BNG pregunta á Xunta pola responsabilidade no mantemento do recinto de Acea de Ama

Rúa central da Laboral, parcialmente cortada polas obras de EMALCSA
Rúa central da Laboral, parcialmente cortada polas obras de EMALCSA

O BNG rexistrou no Parlamento Galego dúas preguntas ao Goberno da Xunta sobre a responsabilidade no mantemento e na vixilancia das instalacións do recinto deportivo de Acea de Ama.

As instalacións presentan un evidente estado de deterioro, debido á falla de investimentos e dunha axeitada conservación das mesmas.

A empresa pública EMALCSA realizou obras no recinto, agora paralizadas, sen a correspondente licenza urbanística, que debería ter contado coa autorización previa da Xunta.

O BNG pregunta á Xunta pola responsabilidade no mantemento do recinto de Acea de Ama

O BNG de Culleredo presentou, a través dos representantes nacionalistas no Parlamento Galego, dúas preguntas ao Goberno da Xunta de Galiza sobre a responsabilidade no mantemento e vixilancia das instalacións do recinto deportivo de Acea de Ama, á vista do seu evidente deterioro.

No escrito presentado detállase como, debido á falla de investimentos e dunha axeitada conservación das instalacións. Entre as deficiencias denunciadas, que se ven nun simple exame visual, está a situación do tellado do edificio central, ao que se lle caen as tellas; o campo de rugby, no que os xogadores e xogadoras teñen que esquivar as irregularidades do terreo; as pistas de pádel invadidas pola vexetación; a reconversión pola concesionaria dunhas pistas deportivas en aparcadoiro; ou a caída, outra vez, da valla perimetral na zona da rúa Vicente Risco.

A esta situación de precariedade das instalacións únese a realización de obras no recinto pola empresa pública EMALCSA sen licenza urbanística, que debería ter contado obrigatoriamente coa autorización previa da Xunta de Galiza, tal como esixe agora a orde de paralización das obras e a orde de reposición da legalidade.

Por todo isto, o portavoz do BNG en Culleredo, Tono Chouciño, pide saber "quen manda neste recinto, quen é o responsábel do estado das instalacións, quen é responsábel de que no seu interior se fagan obras que condicionan o seu uso e alteran o seu estado natural. Parece que a ninguén lle importa o estado no que se encontra ese recinto, pero á veciñanza de Culleredo si que lle importa, xa que é un patrimonio que é seu."