PARTICIPACIÓN

Alegacións do BNG de Culleredo ao Plan de Transporte Metropolitano da Xunta

Asemblea Aberta sobre transporte metropolino en Vila Melania
Asemblea Aberta sobre transporte metropolino en Vila Melania

- O mantemento dos servizos ao rural de Culleredo nas fins de semana, a mellora da conectividade transversal das liñas, e o alongamento dos horarios nocturnos dende Coruña ao Burgo e Vilaboa, son algunhas das demandas.

- O anteproxecto da Xunta non ten en conta os pasos dados para a constitucióndunha área metropolitana nen a intermodalidade, e evita calquera referenca á demanda dun trende cercanías.

- As alegacións son froito dun proceso participativo impulsado polo BNG.

Alegacións do BNG de Culleredo ao Plan de Transporte Metropolitano da Xunta

O BNG de Culleredo solicita o mantemento dos servizos ás localidades rurais do noso Concello nas fins de semana e dos servizos da liña de Entrexardíns a Nós a primeira hora da mañá, suprimidos no Anteproxecto presentado. Solicita tamén a mellora da conectividade transversal das liñas que pasan polas poboacións rurais coas liñas supramunicipais, o alongamento dos horarios nocturnos dende A Coruña tanto ao Burgo como a Vilaboa, a ampliación de servizos na zona da Cros, e a revisión das tarifas previstas, xa que o estudo económico do Anteproxecto suxire unha suba de prezos dos billetes coas novas concesións.

 

Para o BNG de Culleredo o anteproxecto do Plan de Transporte Metropolitano da Xunta non tivo en conta os pasos dados para a constitución dunha área metropolitana na comarca coruñesa, que incluían unha mesa de traballo de transporte con obxectivos compartidos coma "Transitar cara á conformación dunha autoridade única de transporte".

 

Este esquecemento leva ao Anteproxecto a adoecer dunha falta de transversalidade a nivel comarcal que permita desprazamentos directos entre as distintas localidades e centros de demanda (polígonos industriais, centros sanitarios...), obrigando ás persoas usuarias a realizar transbordos na cidade da Coruña. Leva tamén ao esquecemento total da intermodalidade, evitando calquera referenza á demanda dun tren de cercanías que aproveite as infraestruturas existentes.

 

O voceiro nacionalista, Tono Chouciño, amosouse satisfeito coa participación cidadá nas asembleas celebradas polo BNG para a elaboración das alegacións presentadas e lamentou "que non teña sido o Goberno Municipal quen impulsara un proceso participativo aberto, aínda que a última hora afirmaron ter feito enquisas polas parroquias, polas que a veciñanza nos pregunta estrañada, e das que agardamos poder coñecer algún día os resultados".