Rioboo abre o camiño a suprimir a participación cidadá

Os veciños chegaron a participar da vida municipal, aínda que foi breve
Os veciños chegaron a participar da vida municipal, aínda que foi breve

Iniciouse a tramitación dun novo regulamento que empeora o anterior.

Desaparece o orzamento participativo.

Fan inviables as participacións veciñais nos Plenos.

Varios parámetros obxectivos dificultan a participación con maiores esixencias.

Rioboo abre o camiño a suprimir a participación cidadá

Ata o 24 deste mes poden facerse achegas previas para a elaboración dun borrador de Regulamento Municipal de Participación Cidadá que paradoxicamente xa está redactado polo goberno municipal.

Neste borrador vemos como desaparece ese 25% de participación veciñal na elaboración do orzamento, xa non para cambiar a porcentaxe senón para eliminalo do texto que temos vixente hoxe en día.

O Goberno Municipal, en 2017, nun alarde de modernidade decidiu que o 25% dos investimentos anuais serían decididos pola veciñanza. Pouco lles durou aquela febre pasaxeira.

O BNG ten impulsado de sempre a participación cidadá no noso Concello. Nos últimos anos temos colaborado a que puideran expresar a súa voz nos Plenos varios colectivos aos que afectaba o que alí de decidía. Tamén temos impulsado a participación veciñal na elaboración dos orzamentos.

O texto tamén converte en inviables participacións veciñais nos plenos que temos visto nos últimos anos como a participación do colectivo de mariscadores, a ANPA do colexio Sofía Casanova, as asociacións de Orro e Ledoño, o alumnado do bacharelato da Universidade Laboral e outras.

No novo articulado, requirirase acordo da asemblea de cada asociación para facer unha intervención. Algo imposible, xa que as ordes do día dos Plenos publícanse con só 5 días de antelación e celebrar unha asemblea dunha asociación require un mínimo de 15 días de convocatoria.

Outras cuestións que empeoran obxectivamente son a Iniciativa Popular, que pasa do 10% ao 30% dos maiores de 16 anos (7800 sinaturas co censo actual), ou a creación dunha “audiencia pública” que requirirá a sinatura do 3% (780 sinaturas co censo actual).

E todo iso faise invocando “os valores éticos, humanos e democráticos” segundo recolle o texto presentado cinicamente polo Goberno Municipal.

Desde o BNG iniciamos unha campaña para informar á veciñanza de que compre pararlle os pés ao Sr. Rioboo neste novo chanzo de autoritarismo e desprezo cara á veciñanza.

 

Mira o borrador en http://culleredo.es/node/7187

Rioboo abre o camiño a suprimir a participación cidadá