BOLETÍN INFORMATIVO | DECEMBRO 2020

Entrevista a Mercedes Queixas: “O mapa escolar de Culleredo non se axusta á realidade social”

Mercedes Queixas Zas
Mercedes Queixas Zas

Descarga o boletín de decembro de 2020 do BNG desde esta ligazón ou no apartado de arquivos relacionados

Podes ler a entrevista á deputada Mercedes Queixas, protagonista da contracapa, aquí mesmo

Entrevista a Mercedes Queixas: “O mapa escolar de Culleredo non se axusta á realidade social”

— Sendo parte da comunidade educativa como docente, ademais de deputada, cales consideras que serían as medidas a tomar para mellorar a calidade e oferta educativa en Culleredo?

— Toda planificación require do recoñecemento previo do contexto sobre o que intervir. Tamén a planificación do espazo educativo dun territorio. Culleredo presenta un problema crónico derivado dun mapa escolar que non se axusta á realidade social, acrecentado ao ser un concello que segue a medrar en poboación. Unha problemática herdada, que agora se agudizou en plena pandemia, derivando da incapacidade e ausencia de planificación por parte da Consellería de Educación para preparar un inicio de curso con garantías, docentes e sanitarias. Verificouse que os centros educativos están masificados, que unha parte importante do alumnado se ve obrigado a deslocarse lonxe do seu centro de referencia, que o alumnado da zona rural non ten oferta educativa no seu medio próximo en secundaria e que a oferta de servizos complementarios non goza da calidade e equidade necesarias en todos os centros.

— Culleredo xoga unha parte fundamental na estructuración da comarca da Coruña, pola súa situación estratéxica e polas comunicacións que transcorren polo noso concello. Cales consideras que son os grandes retos da Comarca da Coruña para esta lexislatura?

— O futuro de Culleredo e de toda a comarca da Coruña pasa por dispor dunha rede de comunicación interna que o vertebre territorialmente e cohesione socialmente. Vivimos nunha comarca que se retroalimenta laboral e humanamente. Culleredo é un concello que sufriu moitas das agresións que simbolizaron os avances da modernidade, sacrificando o seu medio natural e sen contraprestacións de mellora directa para a vida dos seus habitantes. Pensemos no esmorecemento económico e ambiental da Ría do Bugo, na ausencia de proxectos industriais, no trazado da AP-9, nas sucesivas fendas provocadas pola ampliación da zona aeroportuaria, no desmantelamento dunha verdadeira oferta de transporte público que sexa alternativa sostíbel de mobilidade cidadá por estrada ou a través da liña de ferrocarril de proximidade.

— Coas labazadas que teñen dado á nosa industria até desmantelala, agora son o sector servizos, a cultura, a hostalería... as que se ven golpeadas por unha crise na que a Xunta goberna a golpe de improvisación. Cales son as propostas do BNG a tomar coa maior urxencia?

— O coronavirus déixanos moitas aprendizaxes. Entre elas, a necesidade de sermos o máis autosuficiente posíbel como pobo. Termos capacidade produtiva é a base que garante o noso futuro, desde o traballo nos sectores produtivos básicos —terra, mar, industria— até aqueles nos que temos grandes profesionais preparados, como é a investigación, a ciencia, a tecnoloxía.

Unha economía verde, circular, sostíbel, que naza das nosas propias potencialidades é a clave, é o piar do futuro económico e social que debemos abrir. Recuperarmos todo o patrimonio humano altamente cualificado que expulsamos será a garantía dese futuro. O futuro das galegas e dos galegos pasa por acreditar nas nosas propias forzas e capacidades.

— Desta vai coa limpeza e rexeneración da Ría do Burgo?

— O pulso do compromiso social, a conciencia popular a respecto da defensa do medio ambiente xunto á riqueza económica da Ría do Burgo, ademais do apoio sostido no tempo do BNG, co importante aval da compañeira que nos está a representar no Parlamento Europeo, Ana Miranda, conseguiu que por fin a Administración española deixe de mirar para outro lado coa inxustiza cometida neste espazo, condenado a unha morte lenta programada. As obras de dragaxe comezarán por fin, mais aínda é preciso que o goberno do Estado e a Xunta asuman as compensacións económicas aos mariscadores e mariscadoras, xa que se verán obrigados a parar no seu traballo durante aproximadamente dous anos. Este é o compromiso de traballo actual do BNG na negocaciación dos orzamentos xerais e non renunciaremos até conseguilo.

Entrevista a Mercedes Queixas: “O mapa escolar de Culleredo non se axusta á realidade social”