O BNG inclúe moitas demandas de Culleredo nas emendas do grupo aos Orzamentos Xerais do Estado

Tono Chouciño, voceiro do grupo municipal do BNG de Culleredo, e Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso dos Deputados, fan un pequeno resumo do que pode mellorar en Culleredo grazas ás emendas ao documento orzamentario estatal para o ano 2021.

A ría do Burgo e o seu saneamento seguen a ser protagonista

Problemas enquistados, como o transporte ou a mobilidade, tamén merecen inversión canto antes

O BNG inclúe moitas demandas de Culleredo nas emendas do grupo aos Orzamentos Xerais do Estado

O BNG de Culleredo colaborou activamente co deputado Néstor Rego para elaborar unhas emendas ao documento de Orzamentos Xerais do Estado que teñan presente ao municipio. Ao saneamento da ría do Burgo súmaselle unha cobertura para os traballadores do marisqueo para o tempo que duren as obras. Nesta liña, engádese a proposición de crear unha infraestrutura verde que devolva o recheo da antiga fábrica da Bunge ao río.

Por outro lado, en materia de transportes, o BNG propón a creación de dous novos apeadoiros de tren nos lugares de Fonteculler e Boedo (ata hai uns anos funcionaba a estación ferroviaria en Bregua), alén da elaboración dun proxecto que estenda o ferrocarril proxectado para o porto de Langosteira ata o Centro Loxístico de Transportes de Culleredo en Ledoño, para que verdadeiramente faga realidade o seu nome.

No apartado de infraestruturas, o BNG insiste na apertura dunha conexión da AP-9 co Burgo e o aeroporto de Albedro, aproveitando os accesos á área de servizos. A principal vía de comunicación que cruza Galiza segue sen ter acceso desde Culleredo a día de hoxe, a pesar de atravesar o concello nun dos seus tramos máis concorridos. Tamén se pide a insonorización e a mellora da mobilidade na contorna da autoestrada, no Burgo, en Vilaboa, e en Castro e Laxe, que acumula o tráfico desde a inauguración da Terceira Rolda da Coruña.

O BNG inclúe moitas demandas de Culleredo nas emendas do grupo aos Orzamentos Xerais do Estado