Viraxe antidemocrática do goberno local, que segue sen convocar a reunión de órganos oficiais

Votación no pleno de maio 2018

Culleredo é o único concello da contorna que segue sen celebrar reunións de órganos oficiais de representación veciñal, como Comisións Informativas e Plenos.

O BNG chama a restituir o principio de representatividade na Corporación Municipal de toda a veciñanza de Culleredo.

Entrando xa no mes de xuño, o goberno local segue sen presentar os orzamentos de 2020, polo que se corre o risco de perder os 4 millóns de euros dos fondos europeos EDUSI. 

Viraxe antidemocrática do goberno local, que segue sen convocar a reunión de órganos oficiais

O BNG ten demandado reiteradamente a convocatoria dos órganos municipais para normalizar a vida municipal despois dun período de espera que xa supera os dous meses. Unha vez máis, os nacionalistas solicitaron ao Alcalde este pasado mércores a convocatoria de Comisións Informativas e Plenos, e como tantas veces, a resposta do Alcalde chega pola prensa. A falta de vontade do Alcalde para convocar Comisións Informativas e Plenos representa un ataque ao principio fundamental de representatividade de toda a veciñanza na Corporación Municipal.

En todos os concellos da contorna téñense celebrado convocatorias de órganos colexiados por vía telemática ou mesmo presencial, poñendo as condicións de seguridade necesarias. Riobóo non é quen de facer funcionar o Concello e convocar un Pleno telemático como temos visto en tantos sitios, mesmo na Deputación da Coruña da que el é representante. Como Deputado Provincial ten participado en Plenos da Deputación a través dunha aplicación da que agora di dubidar da súa seguridade.

Neste momento no que son tan importantes as achegas e propostas para deliberar e consensuar as accións precisas para a saída da crise sanitaria, social e económica provocada pola COVID-19; o Alcalde considera a publicidade máis importante que a aprobación dos orzamentos municipais que, entrando xa no mes de Xuño, continúan pendentes. Non só pendentes de aprobar, senón mesmo pendentes de presentar aos grupos políticos municipais para o seu estudo, avaliación, e presentación de propostas.

Os alcaldes do mandato anterior botaban a culpa á oposición, nomeadamente ao BNG, de que os orzamentos non estiveran nunca en prazo. O actual Alcalde fartouse de dicir que precisaba maioría absoluta para poder ter en tempo os orzamentos anualmente. Non houbo outro ano antes en que a estas alturas non estiveran aprobados os orzamentos, malia que o goberno está en maioría absoluta.

Poden estar en perigo os 4 millóns de fondos europeos EDUSI, tan necesarios para poñer en marcha bens e servizos demandados pola veciñanza e que contribúan na dinamización económica. O BNG avalía emprender accións por varias vías para restituír a normalidade democrática e que a institución municipal estea á altura do que precisa e demanda a veciñanza.

Viraxe antidemocrática do goberno local, que segue sen convocar a reunión de órganos oficiais