O BNG de Culleredo achega unha nova xeira de propostas ao goberno municipal para a xestión da crise do coronavirus

Sociedade durante a pandemia do coronavirus
Sociedade durante a pandemia do coronavirus

O grupo municipal do BNG de Culleredo rexistrou esta mañá un novo conxunto de propostas para colaborar na procura de solucións aos problemas sanitarios, sociais e económicos ocasionados pola crise do COVID-19.

As propostas inclúen melloras na administración electrónica, na xestión do voluntariado e na convocatoria dos órganos de representación.

Solicitamos da Xunta e do goberno municipal un sistema claro, seguro e xusto de distribución de mascarillas.

O BNG de Culleredo achega unha nova xeira de propostas ao goberno municipal para a xestión da crise do coronavirus

O Bloque Nacionalista Galego presentou hoxe no rexistro municipal, un novo conxunto de propostas para colaborar co goberno municipal de Culleredo na procura de solucións aos problemas sanitarios, sociais e económicos que a nosa veciñanza confronta durante esta crise provocada polo COVID-19. Estas achegas foron recollidas e elaboradas en colaboración coa veciñanza de Culleredo, que contactou co BNG para achegar as súas ideas e propostas.

Tras un primeiro grupo de propostas presentadas polo BNG ao goberno municipal hai un par de semanas, esta segunda xeira inclúe propostas para mellorar a administración electrónica no Concello de Culleredo. Vimos advertindo desde hai anos que o Rexistro Electrónico, única canle neste momento para a presentación de documentación por parte da veciñanza, esixe o uso de navegadores obsoletos e que a propia administración do estado pide evitar. En diferentes ocasións, e agora con urxencia, temos reclamado a adopción das ferramentas coas que a Deputación da Coruña provee aos concellos, moito máis avanzadas que as implementadas en Culleredo. Reclamamos ademais a convocatoria inmediata dos órganos colexiados do Concello, que xa foi autorizada polas administracións estatais. Trátase dun requerimento mínimo para cumprir co principio de representatividade de toda a veciñanza nas decisións tomadas pola corporación municipal. É de lei.

Tal e como se ten feito desde outras moitas administracións locais, provinciais e nacionais, o Concello de Culleredo debería recoller na súa páxina web un apartado adicado en exclusiva a información importante en referencia á xestión da crise do coronavirus, incluindo teléfonos de contacto, medidas de seguridade e protección, servizos do Concello, actividades de lecer... Asemade, o grupo municipal nacionalista propón ao goberno municipal unha xestión máis efectiva das actividades voluntarias que a veciñanza está a promover nestas semanas. Deberíase promover unha comunicación clara das actividades nas que a veciñanza pode colaborar e na que as veciñas e veciños podan facer novas propostas de colaboración. Todo isto promovido e coordinado pola Oficina de Voluntariado que posúe o Concello de Culleredo.

O grupo municipal do BNG convida ademáis ao goberno municipal a presentar un sistema claro, seguro e xusto de reparto das mascarillas distribuidas polos organismos públicos, que aínda non foi comunicado polo Concello de Culleredo. Os nacionalistas reclaman da Xunta de Galiza o establecemento dun sistema que asegure o mellor uso posíbel dos materiais de protección dos que se dispón.

O BNG de Culleredo achega unha nova xeira de propostas ao goberno municipal para a xestión da crise do coronavirus