Viraxe á dereita do goberno municipal de Culleredo

Viraxe á dereita do goberno municipal de Culleredo

A viraxe do PSOE en Culleredo, tralo seu pacto cun habitual dos xulgados do Social, deixa de lado as políticas máis sociais e comprometidas cos sectores máis prexudicados da sociedade.

Raquel Jabares advirte de que non permitirá pasos atrás nas medidas sociais implantadas polo BNG en Culleredo, o primeiro concello en contar cunha comisión contra os desafiuzamentos.

A Dirección nacional BNG valora positivamente o labor das nacionalistas en Culleredo en relación á participación da cidadanía, con propostas alternativas en materia de política social e con medidas centradas no apoio e acompañamento ás persoas máis afectadas pola crise.

O BNG ofreceu na mañá de hoxe unha rolda de prensa sobre a expulsión das nacionalistas Raquel Jabares, Rocío Sampedro e Isidro Taibo do Goberno de Culleredo, que, en palabras da secretaria nacional de Implantación e Estratexia Municipal, Goretti Sanmartín, realizaron “un traballo moi importante en relación á participación da cidadanía, con propostas alternativas en materia de política social e cunha política centrada no apoio e acompañamento ás persoas máis afectadas pola crise, na liña de transformar a sociedade e de camiñar cara un mundo máis xusto”.

Goretti Sanmartín, que estivo acompañada na rolda de prensa da propia Raquel Jabares, ex tenente de alcalde e portavoz municipal do BNG en Culleredo, e do responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, cualificou a decisión do PSOE de insólita e inaudita, xa que “dun día para o outro, decide, sen máis, romper o pacto de goberno e expulsar as concelleiras do BNG”. “O PSOE, a nivel nacional, terá que explicar a que se debe a ruptura, cando se gobernaba en base a un programa que funcionaba con normalidade e que respondía aos intereses da veciñanza”, sinalou, “e terá que aclarar que se esconde detrás desta decisión, que tipo de intereses escuros existen e que cambios de políticas van supoñer”. Advertiu, tamén de que a viraxe do PSOE en Culleredo deixa de lado as políticas máis sociais e comprometidas cos sectores máis prexudicados da sociedade.

Ademais, a secretaria nacional de Implantación e Estratexia Municipal, Goretti Sanmartín puxo de manifesto que “o Grupo Municipal do BNG vai seguir funcionando en Culleredo e exercerá o control para garantir a continuidade das políticas en marcha”.

Balance do BNG no Goberno: portas abertas, comisión contra desafiuzamentos, emerxencia social e asociacionismo

Pola súa banda, Raquel Jabares, que agradeceu o apoio da veciñanza e da Dirección nacional, comarcal e local do BNG, realizou unha valoración moi positiva das tarefas desenvolvidas nestes 6 anos de cogoberno. Sinalou que, nos dous últimos anos, a política do BNG no goberno se volveu máis radical, xa que así o demandaba a cidadanía, que hoxe en día, advertiu, “non está a entender nada desta situación surrealista”.

A continuación, a concelleira do BNG debullou o balance das nacionalistas dentro do Goberno municipal. Puxo de manifesto que o Concello de Culleredo, grazas ao labor das nacionalistas, foi o primeiro en contar cunha comisión de desafiuzamentos, unha comisión na que se atenderon xa 28 casos de persoas que poden seguir a vivir nas súas vivendas. A propia portavoz municipal do BNG, que puxo en valor o traballo das e dos técnicos de Servizos Sociais, era interlocutora coas entidades bancarias para reclamar os dereitos das persoas a desafiuzar.

Raquel Jabares salientou que o BNG “demostrou que cre, firmemente, nos servizos públicos” e sinalou que “mentres o BNG estivo no Goberno, os servizos sociais estaban blindados”. “Non é casual que levemos concedidas 100 axudas de emerxencia social para familias con problemas”, apuntou. “Levamos investidos 100.000 euros nestas axudas e quedaramos en que, no momento que quedara pequena a cantidade, iamos repoñer a partida, porque desde o BNG non mirabamos para os cartos para axudas como estas”, engadiu.

Tamén puxo de relevancia o obxectivo das nacionalistas de abrir as portas do Concello para a cidadanía, “as portas das concelleiras do BNG permanecían todo o día abertas” e salientou, ademais, proxectos como o banco de recursos, co de libros e o das axudas técnicas, ademais da programación para persoas maiores. “Esperemos que o golpe de estado que sufrimos en Culleredo non paralice as iniciativas que non puidemos executar en materia de servizos sociais”, declarou. E é que, tal e como expuxo, “a bandeira do BNG no Goberno foi a política social”. Raquel Jabares fixo alusión a proxectos que ficaron sen desenvolver como a web “Culleredo en rede social”, para poñer en contacto as entidades da vila, un espazo ao dispor das entidades, ou a cesión da Casa Rosa a APEM (Asociación Pro Enfermos Mentais) e mais o banco de vivendas.

A concelleira nacionalista sinalou que o BNG estará “vixilante” para que as políticas sociais sigan blindadas, así como o persoal do Concello, dada á inminente a aprobación da lei da reforma social. “Faremos todo o que estea da nosa man para que o persoal de Servizos Sociais non se toque e non imos consentir que se eliminen postos de traballo no Concello”, asegurou. Tamén permanecerá vixilante o BNG á relación de postos de traballo, “para que sexa ecuánime e para que non se premien os amigos”.

Para non permitir que se dean pasos atrás no Concello, Raquel Jabares anunciou que a militancia do BNG preparará un manifesto para lle esixir ao novo goberno que manteña os logros impulsados e os proxectos emprendidos polas nacionalistas. “Desenvolveremos unha oposición construtiva, fiscalizadora e garantista”, concluíu a portavoz municipal do BNG en Culleredo.

“A partir de agora, Culleredo padecerá un goberno caciquil”

Por último, o responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, avisou de que coa entrada de Rioboo, de quen advertiu que é un habitual dos xulgados do social, “gobernará a dereita”. Aludiu aos enfrontamentos entre Sacristán e o representante de APdC, durante a campaña electoral e subliñou que, a partir de agora, Culleredo padecerá un goberno caciquil.

Carballada, que destacou que as nacionalistas realizaron un traballo punteiro desde o Concello, anunciou que o Plan Xeral, desde o punto de vista da sustentabilidade; a defensa da ría do Burgo; a mobilidade e as políticas sociais serán as prioridades do BNG na oposición a este goberno que acubilla, desde agora, a dereita.

Os concelleiros de APdC non se integrarán no PSOE

Despois da Xunta de Portavoces que tivo lugar ás 13h de hoxe, Raquel Jabares revelou que os concelleiros de APdC non se integrarán no PSOE, ao contrario do anunciado estes días. Tal e como informou na Xunta de Portavoces deste mediodía a secretaria municipal, os concelleiros de APdC seguirán a contar co seu propio grupo e a formación política non se disolve.

A edila do BNG advertiu, ademais, de que, tal e como se recolle na convocatoria de Pleno municipal que terá lugar o próximo martes, Rioboo será o primeiro tenente de alcalde e haberá o mesmo número de dedicacións exclusivas que había até o de agora, así como unha comisión informativa máis. Tamén sinalou que os traballos que realizaban antes os 3 concelleiros do BNG se van repartir entre 5 edís de APdC.

Viraxe á dereita do goberno municipal de Culleredo