Retirado o expediente de resolución do CLT de Ledoño

Retirado o expediente de resolución do CLT de Ledoño

Candidatura BNG (43) rdx rc

O Pleno Municipal acordou o pasado xoves aprazar a resolución da concesión do Centro Loxístico de Transporte de Ledoño para completar a documentación aportada, e proseguir a resolución pola vía do "incumprimento das obrigas" da empresa, tal e como solicitaron de xeito unánime os representantes de BNG, AV e PP.

Tal necesidade é posta de manifesto polos servizos do Concello (Intervención, Patrimonio, e arquitecto municipal) e mesmo o Consello Consultivo de Galiza di que "non queda acreditado polo Concello o incumprimento da empresa concesionaria". A Secretaria Municipal chega a afirmar nos seus repetidos informes que "o expediente non se encontra foliado nin rubricado ó marxe en todas as súas follas útiles" o que deriva en que "non pode afirmarse que a documentación sexa toda a existente".

É o terceiro intento de aprobación do expediente

Tono Chouciño lembrou no Pleno que era o terceiro intento de aprobación deste expediente, que os outros dous caducaran pola ineptitude manifesta do Goberno Municipal, que os leva a presentar por terceira vez o expediente con graves carencias.

A proposta do Goberno Municipal, baseada en que "a empresa incurre en concurso de acreedores", suporía importantes perdas económicas para o Concello, a primeira a de 300.000 € en fianzas e de case 4 millóns en obrigas incumpridas polo concesionario, e abre a porta a que a empresa reclame indemnizacións millonarias polo tempo que lle resta de concesión.

A estas cantidades habería que sumar as derivadas da necesidade de resolver o problema das escombreiras creadas na entorna do polígono, que mesmo cegaron camiños tradicionais e que foron motivo de sanción pola Demarcación de Estradas do Estado, que agora pasarían a ser responsabilidade do Concello.

A intención do Goberno Municipal era salvar a cara dos responsabeis deste desaguisado

Se non se actúa debidamente poderíase estar a xerar a unha gran débeda que repercutiría nas arcas municipais nun futuro próximo, tal como aconteceu no concello de Miño.

Para Tono Chouciño "a finalidade do expediente de resolución que trouxo o Goberno Municipal ao Pleno non era solventar o problema do mellor xeito para os intereses do conxunto dos veciños e veciñas de Culleredo, senón salvar a cara dos responsabeis deste desaguisado", sendo necesaria unha profunda depuración a todos os niveis desas responsabilidades.

 

 

Retirado o expediente de resolución do CLT de Ledoño