Renovación na candidatura do BNG de Culleredo

Renovación na candidatura do BNG de Culleredo

O Bloque Nacionalista Galego de Culleredo renovará a súa candidatura de cara ás eleccións do vindeiro ano, coa incorporación de persoas que non militan na organización, froito dos contactos mantidos nos últimos meses, que incluíron tamén a outras formacións políticas.

Dentro deste proceso de renovación, na Asemblea Aberta que tivo lugar este luns no Burgo, informouse da decisión de Raquel Jabares, actual voceira municipal e candidata á alcaldía nas tres últimas convocatorias, de non optar a encabezar a candidatura, por apreciar a necesidade de renovación e considerar que xa cubrira un ciclo na política municipal, ofrecéndose a seguir colaborando coma militante do BNG en todo o que sexa preciso.

erradicación do caciquismo e do clientelismo

Na Asemblea expúxose a necesidade dunha bocana de ar fresco no Concello de Culleredo, eliminando vellas formas de facer política, con deixes clientelares, como a recente cerimonia de entrega de cheques en man ás asociacións, impulsando a participación directa dos veciños e das veciñas no goberno do seu Concello.

Con esa intención, o BNG de Culleredo continuará a manter contactos para construír unha candidatura con persoas dispostas a traballar para mudar a realidade en beneficio dos veciños e das veciñas do noso Concello, nas que están convidadas a participar todas as persoas e entidades de Culleredo.

Renovación na candidatura do BNG de Culleredo