Rendición de contas da campaña das Europeas

Rendición de contas da campaña das Europeas

O Consello Nacional do BNG acordou trasladar a toda a militancia do BNG o resultado económico (ingresos e gastos) das pasadas eleccións ao Parlamento europeo. A continuación, esta información pasará a ser pública, pendurándose da páxina web oficial do BNG.

campaña europeasQueremos aclarar que a posta en marcha dunha campaña nestas condicións, renunciando a numerosos soportes publicitarios e de márketing, só foi posíbel grazas ao extraordinario traballo, ao meritorio esforzo e compromiso político da nosa militancia.

Podemos afirmar con orgullo que non coñecemos organización política que fixera unha campaña destas características, nin no seu formato, nin na fonte de ingresos -militantes e simpatizantes-, nin na renuncia a gastos nos que incorreron a maioría de formacións -créditos, correo masivo, profisionalización da comunicación en redes sociais, etc- que se presentaron.

Cremos, finalmente, que dadas as circunstancias, e mesmo os ataques e silenciamento que tivo que aturar o BNG, consideramos que esta foi unha campaña moi digna, e posíbel -reiterámolo- grazas ao esforzo colectivo desta organización chamada Bloque Nacionalista Galego.

Entre as actuacións que provocaron un aforro significativo nesta campaña, destacamos as seguintes:

  •     Non se asinou ningún crédito con ningunha entidade bancaria ou financeira.
  •     Non se enviou correo masivo (“mailing”). Esta decisión supuxo un aforro superior ao conxunto total de gastos orixinados nesta campaña. Foi a organización e a implicación de militantes e simpatizantes, co ensobrado e reparto man a man de 1.000.000 de sobres e papeletas e de 650.000 dípticos, quen fixo posíbel a articulación dunha alternativa que se demostrou máis eficaz no contacto social.
  •     Non se contrataron inserimentos publicitarios na imprensa escrita, agás no semanario “Sermos Galiza”.
  •     Non se contrataron condutores para desprazar persoas que interviñan en actos por toda a nación. De feito, no caso da primeira candidata, que precisaba deste servizo, este traballo foi realizado desinteresadamente, só por compromiso político, por un compañeiro do BNG.
  •     Non se lle pagaron dietas ou desprazamentos ás persoas que interviron nos actos públicos, nin na Galiza, nin aos que se acudiu en Euskal Herria e Catalunya. Tampouco nas viaxes previas realizadas a eses dous países para negociar a coalición electoral con EH Bildu.
  •     Suprimíronse os envíos por transporte e/ou mensaxería. Compañeiras e compañeiros de cada unha das comarcas desprazáronse a Compostela e á Coruña para recoller o material de campaña, trasladalo ás súas comarcas e logo distribuílo en cada localidade.
  •     Non se contratou ningunha empresa para a colocación de material de propaganda en farolas (PVC's), pontes ou rúas (faixas). Foron directamente militantes do BNG.
  •     Non se procedeu ao alugueiro de vehículos destinados a megafonía. Foron substituídos por vehículos particulares de militantes aos que se lles adheriron imáns co logotipo do BNG.
  •     Aproveitouse material de propaganda xenérica procedente doutras campañas (PVC's, faixas, autocolantes de interventor@s e apoderad@s, etc.) das diferentes comarcas, reutilizándoo.
  •     Non se contratou ningunha empresa para apoiar o traballo en redes sociais. O que se fixo neste ámbito cabe vinculalo en exclusiva á capacidade de iniciativa e imaxinación das nosas compañeiras e compañeiros.

Aproveitamos para reiterar o agradecemento e recoñecemento do Consello Nacional do BNG a toda a militancia e simpatizantes polo extraordinario traballo desenvolvido nesta campaña.

Rendición de contas da campaña das Europeas