PSOE e APdC aproban os orzamentos do PP

PSOE e APdC aproban os orzamentos do PP

Evolución do gasto en Depencia dende a entrada do BNG ata hoxeOnte aprobáronse os que son os primeiros orzamentos do actual goberno municipal, nos que se deixa ver ben ás claras a súa mudanza ideolóxica, pois priman o pago aos bancos en detrimento dos servizos sociais.

Diminue o gasto social en termos tanto absolutos coma porcentuais, pois baixa a 1.904.221€, o 9.80% do total do orzamento, fronte ao 10.16% que supuña nos orzamentos de 2013, cifra lixeiramente superior ao que se adica ao pago da débeda bancaria, que se incrementa notablemente.

As partidas adicadas a atención as vítimas de violencia de xénero e igualdade redúcense dos 126.950€ de 2013 aos 117.706€ que se reservan para 2014.

A axuda á dependencia redúcese un 36%

En axuda á dependencia pásase de 1.278.993,76€ no 2013 a 814.000€, un 36% menos. O aforro producido coa nova contratación non é empregada para dar novas altas, como estaba previsto mentres estivo o BNG no goberno municipal, senón para aforrar con eses cartos.

Na máis típica liña do neoliberalismo do PP, destrúese emprego público, amortizando prazas, paso previo para desartellar o sistema de servizos públicos, abandonando proxectos como o Banco Municipal de Vivenda, aprobado por unanimidade na Comisión Municipal contra os Desafiuzamentos, que dende a chegada de APdC ao goberno pasou de reunirse cada 3 meses a facelo cada 6, xa que, segundo o goberno municipal, en Culleredo non hai despexos, algo que foi rebatido polas entidades sociais participantes na Comisión.

Convócanse procesos de consolidación de dubidosa legalidade, á vista do informe da secretaria municipal, non desmentido polo goberno durante o Pleno, sendo a súa explicación totalmente peregrina, pois chegaron a afirmar que primeiro se consolidaba o emprego e despois se decidiría se eran funcionarios ou persoal laboral.

No capítulo de investimentos, déixase a un lado a consolidación e expansión da rede de saneamento, prioritaria mentras o BNG estivo no goberno, e anúncianse unha serie de actuacións sen eixo vertebrador algún, que máis que dar resposta a problemas reais parecen buscar a preparación das próximas eleccións.

Son uns orzamentos máis propios da ultradereita que dun partido socialista

Parécennos, en definitiva, uns orzamentos máis propios dun goberno de dereitas, que antepoñen os intereses dos sectores financieiros que provocaron a crise á protección das veciñas e veciños do noso concello, acatando por activa e por pasiva os principios ideolóxicos do PP e do ministro Montoro.

PSOE e APdC aproban os orzamentos do PP