Pleno municipal. Mocións do BNG.

Pleno municipal. Mocións do BNG.

Este xoves, 30 de outrubro, ás 20.30 h., terá lugar a sesión ordinaria do Pleno Municipal, na Casa do Concello en Tarrío.

As mocións presentadas polo Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego fan referenza á recuperación da Ría do Burgo, aos problemas de escolarización que estamos e viver no noso Concello, e ás reivindicacións de cara á celebración do Día Internacional contra a violencia contra a muller o 25 de novembro.

Recuperación da Ría do Burgo

O Bloque Nacionalista Galego de Culleredo rexistrou unha moción reclamando a inclusión nos orzamentos xerais do Estado para o 2015 dunha partida de cinco millóns de euros para a recuperación e rexeneración da Ría do Burgo, que permitiría crear emprego na comarca, tal e como aconteceu na ría de Corcubión, segundo informou en rolda de prensa da Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo, o voceiro de Adega Armando Sotillo, onde aumentou a produción de marisco nun 70%.

O Goberno do Estado, do Partido Popular, desvía a responsabilidade cara a Xunta, do mesmo partido, e que malia as promesas tampouco consignou partida algunha no seu proxecto de orzamentos, nun círculo vicioso que ten que ser rachado dunha vez por todas, poñendo fin ao "paripé" e aos contínuos desprezos para o colectivo de mariscadores e mariscadoras que viven do pouco que consiguen producir na Ría, e para o conxunto da sociedade, que temos dereito a vivir e desfrutar dun medio natural libre de contaminación, pois agora estanse a incumprir as normativas europeas sobre o tratamento de augas residuais urbanas e sobre a calidade das augas exixidas para a cría de moluscos, sen que ningunha administración adopte medidas que freen o seu deterioramento.

Problemas de escolarización en Culleredo

Para este pleno presentouse tamén unha moción na que se denuncia a situación de escolariación do alumnado de Educación Infantil, Primaria e Segundaria en Culleredo, cualificándoa de deficiente, insoportábel para o conxunto da comunidade educativa, e con visos de non respectar as disposicións legais.

Na moción demándase a reposición do cadro de persoal previsto para os centros, incidindo na atención ao alumnado con necesidades educativas especiais, que, malia as promesas anunciadas na prensa pola Xunta, aínda non foron cubertas. Demándase tamén axilidade na construción dos novos centros previstos (un Instituto nos terreos da Laboral e un Colexio de Infantil e Primaria en fronte do campo de fútbol do Olímpico de Rutis) e que se programe, á vista dos datos poboacionais do noso Concello, a necesidade con construír un segundo CEIP.

25 de Novembro

O BNG presenta tamén para o seu debate no pleno unha moción co gallo da celebración, no vindeiro mes de novembro, do Día Internacional contra a Violencia contra as Mulleres, na que se demanda, entre outros puntos, trasladarlle á Xunta de Galiza a necesidade urxente de desenvolver a Lei Galega para a prevención e o tratamento integral da violenza de xénero, o apoio ao asociacionismo que traballa neste eido, o cumprimento da normativa en materia de publicidade sexista, e un plan de formación especial para o persoal que traballa con mulleres vítimas de violenza de xénero.

A orde do día completa é a seguinte:

1.- Aprobación da acta da sesión ordinaria realizada o 25 de setembro de 2014.

2.- Proposta de aprobación inicial da modificación das ordenanzas fiscais nº 6 e nº 20.

3.- Proposta de establecemento de prezo público pola participación en actividades de biodiversidade.

4.- Proposta relativa ao recoñecemento de compatibilidade con postos en sector privado a profesores do Conservatorio de Música.

5.- Previa ratificación da súa inclusión na orde do día, proposición sobre posta a disposición dos terreos do carril-bici de Culleredo á Excma. Deputación Provincial para a execución do proxecto de mellora do mesmo.

6.- Previa ratificación da súa inclusión na orde do día, proposición sobre nomeamento de rúas e recoñecemento toponímico de lugares da parroquia de Sésamo.

7.- Previa ratificación da súa inclusión na orde do día, proposición sobre subsanación de defectos detectados na remisión de papel oficial pola Xunta de Galiza.

8.- Previa ratificación da súa inclusión na orde do día, proposición de apoio ao acordo adoptado polo Consello Escolar Municipal, en data 2 de outubro de 2014.

9.- Previa ratificación da súa inclusión na orde do día, moción do grupo municipal do BNG sobre a necesidade de que os Orzamentos Xerais do Estado contemplen unha partida específica para dotar á Ría do Burgo de 5 millóns de euros.

10.- Previa ratificación da súa inclusión na orde do día, moción do grupo municipal do BNG contra a violencia de xénero.

11.- Previa ratificación da súa inclusión na orde do día, moción do grupo municipal do BNG para mellorar a escolarización en Culleredo.

12.- Previa ratificación da súa inclusión na orde do día, moción do grupo municipal do PSdG-PSOE contra a violencia de xénero.

13.- Previa ratificación da súa inclusión na orde do día, moción do grupo municipal do PSdG-PSOE para a recuperación das políticas de Igualdade de trato entre homes e mulleres.

14.- Dación de conta de informe en relación ao cumprimento das condicións do contrato de saneamento.

15.- Dación de conta de sinatura de Convenio coa Deputación Provincial da Coruña para o financiamento da reserva de prazas co Centro Ocupacional “A Escada” Ano 2014.

16.- Dación de conta da sinatura de Convenio co Centro Español de Nuevas Profesiones para a realización de prácticas de alumnos no Concello.

17.- Dación de conta da sinatura de addenda ao Convenio coa Axencia Galega de Infraestruturas para a execución de beirarrúas e a recollida de pluviais na estrada AC-215 Fonteculler (AC-211) O Portádego (N-550)

18.- Dación de conta de anotacións no Rexistro Municipal de Subvencións.

19.- Dación de conta das resolucións da Alcaldía e Concellarías Delegadas.

20.- Dación de conta do seguimento da execución orzamentaria.

21.- Informe sobre “Consorcio As Mariñas”

22.- Informe sobre a Asociación Grupo de Desenvolvemento Rural “Mariñas-Betanzos”

23.- Mocións urxentes.

24.- Rogos e preguntas.

 

Pleno municipal. Mocións do BNG.