O Goberno Municipal contra a transparencia

O Goberno Municipal contra a transparencia

No pleno do pasado xoves vivimos con estupor a reacción airada de destacados membros do Goberno Municipal ante a petición de información sobre os depósitos da auga que EMALCSA prevé construír en Almeiras.

Dende o anuncio na prensa das intencións da empresa municipal de augas da Coruña de construír eses depósitos foron numerosas as consultas que nos chegaron da veciñanza de Almeiras sobre as características do proxecto e a repercusión nas vivendas colindantes, sen que dende as administracións implicadas, a Xunta e os Concellos de Culleredo e da Coruña, se dese ningún tipo de información.

Isto levou ao BNG-Asembleas Abertas de Culleredo a pedir esa información no Pleno Municipal cunha pregunta rexistrada por escrito 3 días antes da celebración do mesmo, tempo suficiente para que o Goberno Municipal tivese preparada a información que se demandaba.

Malia iso, os membros do goberno, nunha actitude infantil, optaron polo insulto e a descualificación persoal, tildando de demagoxia a formulación de preguntas tan sinxelas como "Como está recollido no planeamento actual e futuro PXOM, a posibilidade destas instalacións?" ou "De que forma traslaou o goberno municipal á veciñanza en xeral, e á parroquia de Almeiras en particular, a información relativa á evolución deste proxecto?".

Tono Chouciño agradeceu aínda así a escasa información aportada e tamén as mostras de apoio recibidas dende outros grupos municipais e de veciños e veciñas presentes no Pleno, lamentando a actitude dos Concelleiros, "neste ano que levo formando parte da Corporación, xa comprobamos en numerosas ocasións o baixo umbral de sofrimento ante a crítica que teñen algunhas das persoas que forman parte do equipo de Julio Sacristán, e as súas reticencias a informar con clareza, como é o seu deber, dos asuntos que manexan", e reafirmou o seu compromiso de seguir a demandar para os veciños e veciñas de Culleredo a información veraz que merecen nos temas que lles afectan.

O Goberno Municipal contra a transparencia