O Goberno Municipal rexeita a remunicipalización da Auga

O Goberno Municipal rexeita a remunicipalización da Auga

O pasado mércores o Pleno Municipal rexeitou comezar os trámites para remunicipalizar o servizo básico de abastecemento de auga potábel, que contou co único voto a favor do concelleiro e voceiro do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo, Tono Chouciño.

O Goberno Municipal volveu afirmar que se estaba traballando no asunto, e que os pregos de contratación xa estaban listos, ano e medio despois de rematado o contrato.

Tono Chouciño, lembrou que no mes de outubro se aprobara unha proposta, tamén do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo, para o impulso de Área Metropolitana que contemplaba avanzar na mancomunización de servizos básicos, como sería este caso, que deben revertir en beneficio da veciñanza, e non no de megaempresas transnacionais.

O voceiro nacionalista propuxo como posibilidade comezar conversas co Goberno Municipal da Coruña para a entrada do Concello de Culleredo no capital social de EMALCSA, empresa pública que xestiona, entre outros infraestruturas, o embalse de Cecebre e a Estación de Tratamento da Telva, de onde sae prácticamente toda a auga que se consume en Culleredo.

Facer agora unha nova concesión a unha empresa privada suporía un obstáculo para, nun futuro próximo, avanzar na constitución da Área Metropolitana, e manifesta a vontade de continuar cun modelo que demostrou ser un importante foco de corrupción e tráfico de influencias, como estamos a comprobar cos distintos casos abertos na actualidade (Pokemon, Patos, e outros).

O Goberno Municipal rexeita a remunicipalización da Auga