Crónica do pleno

Crónica do pleno

Onte celebrouse o Pleno Municipal correspondente ao mes de outubro, onde se aprobaron as mocións presentadas polo BNG en contra do repago de medicamentos por doentes crónicos, en demanda do incremento do Fondo de Cooperación Local (en ambos casos co voto en contra do PP), e dunha solución para o conflicto polas pensións dos emigrantes retornados (que se aprobou por unanimidade).

Tamén se aprobou o Pacto Local contra a violencia de xénero, co voto en contra do BNG, pois parécenos unha total frivolidade que se fale de poñer pegatinas ("nun lugar visible", iso si), mentres, por exemplo, o Concello de Culleredo non cubre unha praza vacante de psicóloga en Servizos Sociais, e na Coruña hai 8 mulleres vítimas de violencia de xénero (pertencentes á asociación Ve-la Luz) en folga de fame dende hai 20 días en demanda dunhas condicións mínimas de seguridade.

O antedito Pacto Local semella unha operación propagandística do Partido Popular, torpemente secundada por partidos que se din progresistas, chea de moi bonitas palabras e moi boas intencións, pero vacía de todo contido concreto que trate de pór fin un problema social que cada vez adquire maiores proporcións.

En Rogos e Preguntas, levamos tamén a situación das veciñas e veciños de Vilaboa, enganados por un promotor urbanístico, que nos fixeron chegar a súa preocupación porque dende a saída do BNG do goberno municipal non voltaran a ser recibidos por ninguén no Concello.

Dende o BNG non nos parece de recibo que o Alcalde alegue públicamente que "non se lembra" da reunión que mantivo nun notario, na que tamén estaban o promotor e representantes dos veciños, e onde parece ser que actuou como mediador, e mesmo unha das partes alega que existía un compromiso pola súa banda para recualificar os terreos aumentando a edificabilidade.

Esperamos que, polo ben do Concello e de todas as súas veciñas e veciños, se aclare satisfactoriamente a situación e as circunstancias que envolven toda esta operación, que nos fai lembrar os tempos da xeración da burbulla inmobiliaria, do "ti vai facendo" e do "si, si, si", que desembocou na actual situación de recesión e crise económica, e onde parece que Culleredo, por desgraza, tamén tivo a súa parte de protagonismo.

Crónica do pleno