Chapuzas express

Chapuzas express

cagadaNunha mosta das ansias por aparecer nos medios con anuncios de proxectos que, en moitas ocasións, están aínda en cueiros, o que lles costa contínuas chamadas de atención dende a Secretaría do Concello, polo escaso marxe de tempo para comprobar os expedientes, o Concello ven de verse na obriga de retirar o anuncio de licitación do mantemento dos xardíns do Paseo Marítimo e do campo do Olímpico de Rutis.

No desestimento da licitación o Concello recoñece que "no expediente advertíronse infracións non subsanabeis, consistentes en erros no cálculo do importe de licitación en relación ao persoal a contratar esixido como mínimo, que afecta tanto aos actos de preparación do contrato como das normas reguladoras do procedemento de adxudicación do devandito proceso de contratación. As causas descritas motivan o desistimento a continuar co procedemento de adxudicación nas condicións inicialmente previstas, como xa se sinalou, antes de que se produza a adxudicación do contrato, de conformidade co previsto no artigo 155 do Real decreto lexislativo 3/2011, polo que se aproba o texto refundido da lei de contratos do sector público (TRLCSP)."

Tanta presa tiñan en publicar o anuncio que o que publicaron foi un borrador onde figuran anotacións internas dos funcionarios, como ben se pode comprobar na imaxe que acompañamos.

Solicitamos do Concello de Culleredo, e en concreto do responsábel da área de contratacións, que amosen un pouco máis de seriedade e responsabilidade, pois están a manexar moitos cartos, neste contrato máis de millón e medio de euros, cartos que son de todos os veciños e veciñas de Culleredo, e que é o seu deber administrar con rigor.

Chapuzas express