O BNG rexeita a proposta do PSOE de ampliar a pista de Albedro cara O Burgo

O BNG rexeita a proposta do PSOE de ampliar a pista de Albedro cara O Burgo

mar barcón ampliación aeroportoO BNG de Culleredo, perante as declaracións da voceira do PSOE no Concello da Coruña, Mar Barcón, sobre a necesidade de ampliar a pista do aeroporto de Albedro cara o núcleo do Burgo, un dos máis poboados do noso concello, vémonos na necesidade de anunciar a nosa frontal oposición a máis ampliacións da pista, por ser un total despropósito.

Lamentamos fondamente que a Sra. Mar Barcón se vexa na obriga, meses antes dunhas eleccións municipais, de recoller vellas bandeiras de enganche do seu predecesor, Paco Vázquez, ante o probábel descalabro electoral do seu partido, pero negámonos a que os veciños e veciñas de Culleredo sexan reféns das disputas dos políticos do noso concello veciño, e demandamos do Sr. Alcalde de Culleredo e Secretario Provincial do PSOE, Julio Sacristán, unha aclaración sobre cal é a postura do seu partido en relación a esta nova demanda de ampliar a pista do aeroporto.

Para o BNG de Culleredo, nunha época na que se nos están a esixir sacrificios en materias como a Sanidade e a Educación, este proxecto sería un despilfarro de recursos públicos de difícil xustificación, tendo en conta que os datos actuais xa falan dun proceso de trasvase de viaxeiros do transporte aéreo cara o tren, competidor directo nos voos que operan dende Albedro, proceso que coa entrada en pleno funcionamento do AVE se incrementará.

Reiteramos, dacordo coa posición do Bloque Nacionalista Galego nesta materia, a demanda de traspaso de competencias a Galiza en materia aeroportuaria, que permita a xestión conxunta das tres terminais, coa participación das autoridades locais, co fin de artellar un sistema aeroportuario integrado baseado na especialización e complementariedade dos tres aeroportos galegos, e a coordinación eficaz de rutas e frecuencias, tendo sempre en conta as necesidades fundamentais dos sectores produtivos do noso país.