O BNG RESPALDA AS DEMANDAS DAS ANPAS DE CULLEREDO

O BNG RESPALDA AS DEMANDAS DAS ANPAS DE CULLEREDO

O Bloque Nacionalista Galego de Culleredo quere amosar o seu respaldo á comunidade educativa na súa demanda da construción urxente dos novos centros educativos, así como nas mobilizacións que teñen convocadas, a próxima unha marcha que terá lugar este venres, 6 de xuño, e partirá das inmediacións do CEIP Ría do Burgo, ás 18.00, cara a Ponte Pasaxe, con regreso ao mesmo lugar.

Dende o BNG levamos tempo reclamando da Xunta de Galiza a urxente construción dos novos centros escolares e agora, cando aínda non se construiron nin o CEIP nin o IES, vemos que, cos datos de escolarización deste curso, debemos xa comezar a plantear a insuficiencia dos centros planeados e a afrontar a necesidade, cando menos, dun segundo colexio de infantil e primaria.

Os centros proxectados son xa insuficientes

Actualmente hai sete aulas (aproximadamente 175 alumnos e alumnas) repartidas de xeito provisional entre os colexios do concello, ocupando espacios destinados a laboratorios, aulas de inglés ou desdobres.

Para o curso 2016/17 hai nacidos no concello 559 nenos/as, que farán necesarias o funcionamento de 9 aulas máis, de E.I. de 3 anos, a maiores das que xa están en funcionamento en todos os centros do concello. Este dato evidencia que para escolarizalos debidamente, habería que construír dous novos CEIP.

A situación vulnera o principio de igualdade de oportunidades para os nosos fillos e fillas

O Bloque Nacionalista Galego de Culleredo, unha vez máis, demanda das autoridades educativas, tanto Xunta de Galiza como Concello, a posta en marcha dunha planificación que poña fin a esta situación de precariedade e masificación que vulneraos máis elementais principios de calidade e de igualdade de oportunidades  a tódolos niveis nun servizo básico para o desenvolvemento dos nenos e nenas do noso Concello e para o conxunto da sociedade.

O BNG RESPALDA AS DEMANDAS DAS ANPAS DE CULLEREDO