O BNG exixe igualdade de dereitos para todos os veciños e veciñas

O BNG exixe igualdade de dereitos para todos os veciños e veciñas

O pasado venres 18 o voceiro nacionalista, Tono Chouciño, rexistrou unha demanda para a realización por parte do Concello dunha campaña informativa sobre as axudas da Xunta de Galiza á rehabilitación de edificios e vivendas nos Camiños de Santiago, que en Culleredo poderían beneficiar a aquelas que se atopen no trazado do Camiño Inglés.

Ao día seguinte o PSOE anuncia que se celebrou unha charla informativa sobre esas axudas á que terían asistido "o Alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, e o 1°Tenente de alcalde, José Ramón Rioboo" con "veciños e veciñas das parroquias polas que transcorre o Camiño de Santiago para informalos, con técnicos da Xunta".

Dende o BNG-Asembleas Abertas de Culleredo mostramos a nosa estrañeza pola falta de calquera tipo de anuncio previo sobre a celebración desa sesión informativa, e que a primeira noticia dela sexa por medio dunha conta partidista. Máis aínda: resúltanos rechamante que, sen ningún tipo de publicidade, houbera veciños e veciñas que soubesen da charla e asistisen a ela.

Dende o BNG exiximos se respecte o dereito de todos os veciños e veciñas a acceder á información e contar co apoio do Concello todos e todas por igual, rematando cos amiguismos e con estas prácticas que nos retrotraen aos escuros tempos do caciquismo máis recalcitrante, ao tempo que reiteramos a petición de realizar unhas sesións informativas sobre estas axudas, debidamente anunciadas e ás que todas as persoas que poidan estar interesadas teñan a oportunidade de asistir.

O BNG exixe igualdade de dereitos para todos os veciños e veciñas