O BNG demanda o aumento da dotación sanitaria en Culleredo

O BNG demanda o aumento da dotación sanitaria en Culleredo

Culleredo leva tempo a sofrer un importante déficit na súa dotación sanitaria, tanto de recursos humanos como materiais, cos seus centros de saúde e consultorios sobrepasados pola demanda, cuns cupos médicos que sobrepasan na súa maioría os 1600 usuarios, chegando nalgún caso aos 1800, cando o ideal, recollido no Plan de Mellora do ano 2007, era de 1250 usuarios por profesional.

Ese mesmo sobredimensionamento padécese nos restantes servizos sanitarios, agravado pola deficiente, en moitos casos nula, cobertura das ausencias do persoal nas súas vacacións, permisos ou baixas por enfermidade.

Para solventar esta situación en febreiro 2009 cedeuse ao Sergas unha parcela para a construción dun novo centro de saúde no Portádego, que acumula máis de 7 anos de retraso e previsibelmente entrará en funcionamento este mesmo ano, pero que, dacordo coas noticias recibidas da Consellería de Sanidade, non suporá un aumento da dotación do persoal, pois a súa intención é redistribuír aos profesionais que actualmente traballan no Centro de Acea de Ama.

Por este motivo o BNG-Asembleas Abertas de Culleredo ven de solicitar ao Goberno Municipal a convocatoria dunha Comisión para estudar as melloras necesarias na dotación de persoal e na carteira de servizos, e darlle traslado ao Sergas das demandas de Culleredo.

Segundo Tono Chouciño, voceiro nacionalista, "hai que ter en conta a proximidade do novo centro a barrios da Coruña que actualmente teñen que desprazarse a Matogrande ou outros centros da cidade, e poderán acudir libremente ao do Portádego, polo que non nos podemos conformar cunha "redistribución" dos profesionais existentes, que sería, como di o dito, desvestir un santo para vestir outro."

O BNG demanda o aumento da dotación sanitaria en Culleredo